OurenseÚltima hora

A mostra “Galicia, de Nós a nós” chegará a Ourense en febreiro

A exposición permanecerá no Centro Cultural Marcos Valcárcel do 18 de febreiro ao 18 de abril

 

A mostra Galicia, de Nós a nós remata a súa estadía no Museo Centro Gaiás superando os 15.000 visitantes (aos que se suman os 4.500 estudantes de secundaria que participaron no seu programa de visitas en liña) e coa ollada posta nas itinerancias que a levarán a Ourense e a Pontevedra nos vindeiros meses.

A primeira será no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, onde se poderá visitar entre o 18 de febreiro e o 18 de abril de 2021. Tanto o número de pezas como a montaxe serán as mesmas que na Cidade da Cultura, aínda que se dará máis peso a Ourense como cidade Nós no relato expositivo, a través de gráficas específicas que incluirán mapas, relacións de colaboradores e localizacións protagonistas da revista, etc.

 

A exposición, no Gaiás.

 

Esta itinerancia realízase en virtude do acordo coa Deputación de Ourense. A continuación, entre o 20 de maio e o 11 de xullo de 2021, a mostra itinerará ao Museo de Pontevedra.

Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, Galicia, de Nós a nós é a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 e a mostra central do Goberno galego con motivo da conmemoración en 2020 do centenario da revista Nós. Con máis de 300 pezas, trátase do proxecto expositivo “máis ambicioso realizado ata o de agora sobre a Xeración Nós e o seu legado, exhibindo obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores”, segundo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigos relacionados

Back to top button