CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “O Fin do Camiño” chega a Ribas de Sil (Lugo)

As fotografías son de Eduardo Ochoa e Carlos Puga, e reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais

 

A mostra itinerante “O fin do camiño”, organizada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”, xa está en Ribas de Sil. A exposición era inaugurada na xornada deste martes 22 de decembro nun acto no que participaron o alcalde de Ribas de Sil Miguel Ángel Sotuela, o concelleiro de Cultura Roberto Castro e outros membros da corporación municipal, ademais do presidente do Colectivo Egeria de Xulio Xiz,

Continúa así a nova edición deste proxecto, que o ano pasado percorreu todos os concellos do Camiño Francés en Galicia, e que en 2020-2021 seguirá polos concellos dos Camiños Primitivo, Norte, de Inverno e Vía Kunig, ao seu paso pola provincia de Lugo.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

 

 

As fotografías son dos fotógrafos galegos Eduardo Ochoa e Carlos Puga, e reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema da exposición “como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz”, explican dende o Colectivo Egeria. Tamén se explica a procedencia dos peregrinos de terras afastadas polos camiños todos que levan a Compostela, destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Artigos relacionados

Back to top button