CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Ocupar un corpo”, comisariada por Vítor Nieves, no Campus de Ourense

Esta mostra de fotografías de Deebo Barreiro poderá visitarse na Sala Alterarte ata finais de maio

A autora das fotos Deebo Barreiro e o comisario da mostra, Vítor Nieves./ Foto: Duvi.

 

Ata o vindeiro 21 de maio poderá visitarse na Sala Alterarte, do Campus de Ourense, a exposición “Ocupar un corpo”, da artista Deebo Barreiro e o comisario Vítor Nieves. Nela, esta egresada da Universidade de Vigo xoga coa fotografía, os espazos e a tecnoloxía para visibilizar e achegar ao público “as identidades de xénero que están máis fóra da normatividade”. Esta iniciativa forma parte da cuarta edición do proxecto “Estado Crítico. 12 Curadores 12 Artistas” e súmase á traxectoria dunha sala que xa atesoura 17 anos de actividade continuada.

Deebo Barreiro “é unha artista emerxente, unha artista da casa, da Universidade de Vigo, e ten un traballo moi político, que se encadra moi ben no meu traballo como curador”, aseguraba Vítor Nieves sobre a autora das imaxes na apertura da mostra.

Nas súas palabras, o comisario subliñou como “nun momento político coma este” “é necesario darlle visibilidade a certos traballos que ás veces nos espazos máis institucionais non teñen cabida”, facendo fincapé na importancia de que “que os espazos públicos tamén sexan ocupados” con temáticas como a abordada na obra de Deebo Barreiro. Igualmente, amosou a súa satisfacción por comisariar unha mostra na Sala Alterarte, recalcando “a nómina de curadores e artistas que teñen pasado por aquí”.

 

Un dos momentos do acto inaugural da exposición a finais do pasado mes de marzo./ Foto: Duvi.

 

Sobre “Ocupar un corpo”, Deebo Barreiro a súa autora apunta que é unha exposición-instalación “baseada en fotografías que fixen desde 2019 do espectro da identidade de xénero”. Esta mostra forma parte dun proxecto seu máis amplo sobre identidade de xénero chamado “Ser un corpo”.  As imaxes están repartidas nun labirinto de teas creado na Sala Alterarte.

Artigos relacionados

Back to top button