En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A multitudinaria KDD de Petín supera todas as expectativas

550 coches de diferentes partes de España asistían á IV xuntanza organizada por La Granja Racing

Un verdadeiro “espectáculo”. Con esta palabra, curta pero rotunda, resumían dende a organización a IV KDD de La Granja Racing que na xornada do 29 de xuño, desbordaba Petín.

Levaban meses traballando para facer do evento “algo especial e grande”, en palabras de Román, quen dous días antes aseguraba que esperaban duplicar a cifra da anterior edición na que houbera 200 coches, pero superáronse con creces as expectativas máis optimistas e o vivido este sábado, foi “un escándalo”, dixo Román (speaker do evento) ao rematar, sen apenas voz mentres procedían á recollida pasadas as nove da noite.

 

Un motor racing.

 

Pero o evento, especialmente pensado para os amantes do motor e dos rallyes, comezaba xa de boa mañá coa chegada dos primeiros coches. Conforme pasaban as horas, as rúas de Petín íanse enchendo de vehículos chegados dende diferentes partes de España (só de Vigo chegaron uns cen e tamén os había da Coruña, La Bañeza, Valladolid, Asturias, Palencia,…), ata abarrotar o corazón da localiade, especialmente a zona que vai dende a praza ata o antigo Poboado de Iberduero.

O programa incluía xantar, e despois, en torno ás catro da tarde, malia o intenso calor da xornada os participantes subiron ata o recinto (na estrada de Mones preto do Campelo), perfectamente valado e preparado para a ocasión. E tamén alí houbo problemas para atopar aparcamento para o público que ía a desfrutar da tarde, da velocidade, do ruxir dos motores e do cheiro a gasolina (os 45 mellores tiñan o seu espazo de exposición). E foron moitos, a maioría mozo moi afeccionados pero había xente de todas as idades. Incluso a alcaldesa Raquel Carballo, recén estreada no posto se subíu a un dos coches animando á xente.

 

Membros de La Granja Racing.

 

Xente que berraba e desfrutaba, non só do propio ambiente, típico dos rallyes, senón do espectáculo, da festa e das exhibicións de drift que levaron a cabo dous profesionais chegados de Pontevedra e Lugo, dos premios que se entregaron, do concurso sonoro de tubos de escape, dos derrapes,… Por haber, houbo ata unha pedida de man! Con todo, coa música sempre de fondo, un dos momentos máis esperados da tarde foi o sorteo dun Volksvagen Golf completamente preparado que finalmente marchou para Carballo.

Lonxe de rematar aí, aínda que a maioría tiña que marchar (sobre todo os de máis lonxe), a festa continuaba no pobo, coa cea e unha sesión de música disco.

Despois de dous anos esperando, a afección respondeu ao gran esforzo e implicación da organización, conseguindo que valoren máis que positivamente esta edición, e con ánimos para repetir o ano vén sabendo que lograron con creces o seu obxectivo.

 

A alcaldesa de Petín Raquel Carballo, unha afeccionada máis.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos: https://osil.info/a-iv-kdd-racing-de-petin-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button