CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A música de Magín Blanco e unha mesa redonda sobre o galego no Bierzo, no festival Villar de los Mundos (Ponferrada)

Terá lugar os vindeiros 6 e 7 de novembro e incluirá, entre outras propostas, un concerto de Uxía e Germán Díaz, outro de Carolina Rubirosa,

O músico rues Magín Blanco, nunha imaxe promocional do seu último espectáculo./ Foto: Urdime.

 

Esta mañá tiña lugar en Santiago a presentación do festival ponferradino Villar de los Mundos, que enfoca a súa IX edición, a cuarta na que colabora a Xunta, na Comunidade galega e no Ano Xacobeo. O evento estará composto de varias actividades culturais, deportivas, gastronómicas e ambientais que terán lugar os vindeiros 6 e 7 de novembro en distintas localizacións de Villar de los Barrios e Ponferrada, en León.

A presentación contaba coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que subliñou “os progresos conseguidos grazas á colaboración entre os gobernos autonómicos de Galicia e de Castela e León”, entre os que sinalou “o incremento de alumnado que estuda o galego no Bierzo”.  Xunto a Valentín García interviñeron nesta presentación oficial en Galicia, que acolleu o Pazo de San Roque, a cantante galega Uxía, embaixadora do festival desde hai tres anos, e Nicolás de la Carrera, presidente da asociación Bierzo Vivo, organizadora do festival.

Música, cultura, deporte e gastronomía

Tras adiar o evento, previsto para o pasado agosto, o festival Villar de los Mundos decidiu celebrar este ano un anticipo do que será a súa X edición, unha homenaxe a Galicia no marco do Ano Xacobeo. Deste xeito, ao longo da fin de semana pasarán por diferentes espazos de Villar de los Barrios grandes figuras da música galega como Uxía e o zanfonista Germán Díaz, que presentarán o seu último traballo, Coplas e historias do Camiño de Santiago, ou a Real Banda de Gaitas de Ourense, que se unirá á Xuntanza de Bandas de Gaiteiros de León e Zamora nun pasarrúas que rematará cun magosto tradicional na Praza Principal da vila.

O peche do festival tamén terá acento galego, concretamente o de Carolina Rubirosa, unha figura emerxente do noso panorama musical e compositora da canción oficial de promoción do Camiño Inglés, O teu camiñar. Tamén viaxará ata a comunidade veciña o músico valdeorrés Magín Blanco, encargado do humor e do entretemento da cativada co seu novo espectáculo O que levamos nas maletas, unha narración musical que axudará aos nenos a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras, as palabras, a lingua, os contos e a música galegas.

 

Presentación do festival./ Cedida.

 

Mesa redonda sobre a lingua galega

Outro dos pratos fortes desta edición será a mesa redonda, que acollerá a UNED Ponferrada, na que o académico berciano na Real Academia Galega, Héctor Silveiro; o alcalde de Lubián (Zamora), Felipe Lubián; a profesora da Escola de Idiomas de Ponferrada, Marta González, e un representante da Xunta de Galicia debaterán sobre a lingua galega en Castela e León.

Dúas actividades deportivas (unha ruta de sendeirismo e outra BTT), unha cata de viños da adega galega Martín Códax e os baños de bosque, no Soto de Villar, da man da terapeuta forestal Céline Girardon, completan o cartel desta fin de semana galega no Bierzo. A programación completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na páxina web villardelosmundos.com, onde tamén se poderá facer a reserva de entradas para cada actividade.

Artigos relacionados

Back to top button