CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A música gana protagonismo nas festas de San Bartolomé en Trives

Celebraranse do 23 ao 24 de agosto e incluirán dous concertos de diferentes estilos por día da man de Alfonso Medela Trío, Alberto Cunha, Manuel Carballo e Priscila

Dentro dos actos previstos para as vindeiras festas de San Bartolomé en Trives a música cobrará un protagonismo especial. Esta celebración desenvolverase do 23 ao 24 de agosto “cunha programación variada, de calidade e que pretende achegar a cultura da música en directo a tódolos públicos”, segundo a organización.

Así incluíranse dous concertos por día. A primeira das actuacións virá da man do jazz. O 23 de agosto ás 21h. tocará Alfonso Medela Trío, unha formación liderada polo pianista carballiñés Alfonso Medela, que estará acompañado por Loren Tabarés (ao contrabaixo) e por Luís Vivas (na batería). Despois, subirase ao escenario Alberto Cunha, actor, cantante e compositor.

E na noite do 24 de agosto será a quenda de Manuel Carballo, guitarrista, compositor e profesor de guitarra, que presentará en Trives cun concerto en acústico o seu quinto traballo “Baila, baila”, feito en homenaxe ás persoas que ano tras ano perden a súa memoria debido á enfermidade neurodexenerativa do alzhéimer.

Finalmente, ás 23h. actuará a banda ourensá Priscila, cun espectáculo musical eléctrico-acústico baseado no disco “Cenizas” do grupo e mesturado con versións de pop-rock dos anos 80 e 90.

Artigos relacionados

Back to top button