PolíticaÚltima hora

A nacionalista María Albert leva ao Parlamento galego a problemática dos gardas de seguridade do HPV

O BNG vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno sobre esta situación

 

A deputada do BNG no Parlamento galego, María G. Albert, nun acto en Valdeorras.

 

A valdeorresa María G. Albert, entre outros deputados do BNG, veñen de presentar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de lei para o seu debate en pleno, “sobre os incumprimentos laborais da Xunta de Galiza e da empresa Mersant Vigilancia, adxudicataria da seguridade privada dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín”.

Na exposición de motivos desta iniciativa, os deputados sinalan que a citada empresa “ten incumprido de forma manifesta as condicións laborais pactadas coas traballadoras e traballadores asignados a ese servizo e recollidas no convenio colectivo en vigor do sector da seguridade privada”. E inciden en que “o máis grave desta cuestión é que chove sobre mollado e o persoal de seguridade destes dous centro hospitalarios pertencentes ao Sergas chega a esta situación tras teren sufrido un proceso similar en 2019 coa anterior empresa adxudicataria”.

O texto da proposición repasa a serie de feitos acontecidos dende entón, “chegando a unha serie de impagos e atrasos dos salarios por parte da actual empresa adxudicataria que se agudizan nos meses de novembro e decembro. A  día 17 de febreiro (data de presentación da iniciativa parlamentaria) os traballadores teñen sen cobrar as nóminas de xaneiro”.

A proposición de lei finaliza pedindo que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a: “De xeito inmediato tomar todas as medidas precisas para garantir o cobro de salarios en tempo e forma por parte do persoalde seguridade que realiza as súas funcións nos Hospitais Públicos de Valdeorras e de Verín, a facer os pagamentos que a propia Xunta de Galiza adebeda a eses mesmos traballadores por sentenza xudicial de 2021, a unificar os contratos de seguridade de toda a Área Sanitaria nun único paquete para garantir a solvencia do servizo e os dereitos laborais dos traballadores, a analizar en profundidade a adxudicación do contrato de seguridade dos Hospitais de Valdeorras e Verín para determinar se se cumpriron os criterios estabelecidos pola Lei de Contratos Públicos no referido á “Capacidade e Solvencia do Empresario” ante as evidencias fundadas da incapacidade da empresa adxudicataria para asinar ese contrato.”

Artigos relacionados

Back to top button