PolíticaÚltima hora

A nacionalista María Albert pide no Parlamento galego que se dote de radiólogos á área sanitaria ourensá

A deputada ruesa lembra que o Hospital de Valdeorras perdeu dous dos catro radiólogos que tiña e que faltan profesionais nos centros de Verín e Ourense

A deputada valdeorreosa do BNG no Parlamento galego, María Albert, intervindo na Cámara galega.

 

A deputada valdeorresa do BNG, María González Albert, formulaba hoxe no Parlamento galego unha pregunta sobre a falta de facultativos de radiodiagnóstico na Área Sanitaria de Ourense, Verín, Barco de Valdeorras. Ademais, preguntáballe ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cando se incorporarán os profesionais desta especialidade nos centros de Verín e Ourense.

Albert criticaba o uso do “telediagnóstico con profesionais de garda en Ourense que informan a distancia sobre TACs con contraste feitos no Barco. Iso si, sempre que o médico de urxencias no Barco asuma a responsabilidade no caso de calquera problema”, dicía.

Así mesmo, a deputada nacionalista pedía “unha normalización dos desprazamentos en ambulancia a Ourense para ecografías habendo ecógrafo no Barco”, circunstancia que cualificou de “barbaridade, tendo en conta que en Valdeorras hai unha única ambulancia para os traslados”.

Para a deputada nacionalista “esta situación de precariedade perdurará no tempo até a adxudicación dos destinos na vindeira OPE, e tendo en conta que probablemente teña lugar no verán e non se resolva até o vindeiro inverno, a perspectiva é dun ano enteiro nunha situación que pode agravarse se algún dos radiólogos de Ourense deixa de facer gardas tras cumprir os 55 anos”.

María G. Albert indicaba que a marcha das dúas radiólogas do Hospital de Valdeorras “era coñecida desde fai meses e todas sabiamos que o servizo ía ficar en precario. ¿Por que a súa Consellaría non interveu antes de que o problema estoupase?”, preguntou.

A deputada insistiu na importancia do servizo de radioloxía que soporta o 80% dos diagnósticos hospitalarios e aludiu aos “traslados a Ourense na única ambulancia coa que conta O Barco e os posibles problemas e complicación que se poden producir, ademais da ausencia da ambulancia no caso de producirse ao mesmo tempo unha urxencia que precise dun traslado”.

Finalamente, a parlamentaria nacionalista pedía ao conselleiro “un cambio de rumbo nas políticas dos hospitais comarcais e valorar a saúde das cidadás e cidadáns que dependen deles. Valoricen e incentiven ás profesionais para que ocupen prazas nestes hospitais. Incentívenas con contratos de longa duración, con maiores puntuacións,, bonificacións curriculares, e melloras dos horarios… Defendan a integridade do noso sistema sanitario porque a saúde é un dereito básico e universal”, concluíu.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García, no Parlamento galego.

 

Oferta de contratos de longa duración para especialistas en Radioloxía

Na súa reposta á deputada valdeorresa, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, aseguraba que a Xunta de Galicia “continuará apostando polo reforzamento da capacidade asistencial do Hospital Público de Valdeorras, así como nos restantes hospitais comarcais galegos”. Ademais de indicar que, na actualidade, “xa foron adxudicadas as obras das consultas externas” deste centro hospitalario e que, ademais, “están a piques de licitarse as actuacións en Cirurxía Maior Ambulatoria, Hospital de Día e Farmacia”.

O conselleiro de Sanidade incidiu en que nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano que vén, “hai máis de 6 millóns de euros consignados para ampliar os hospitais comarcais, dos cales 2,4 son para o Hospital de Valdeorras”.

Así mesmo, informou que o departamento sanitario vai pór en marcha, nesta lexislatura, un paquete de medidas para incentivar a práctica clínica nos hospitais comarcais e, deste xeito, asegurar a súa viabilidade.

García Comesaña remarcou que, nos vindeiros días, o Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de contratos de longa duración a especialistas de Radioloxía e Traumatoloxía para o Hospital de Valdeorras, ata que se resolva a oferta pública de emprego en curso.

Artigos relacionados

Back to top button