En portada

“A nosa lingua ten grandes desafíos”

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, dará unha conferencia o 12 de decembro ás oito da tarde no edificio Multitusos do Barco

 

Xesús Alonso Montero, presidente da RAG./ Foto: Carlos G. Hervella.
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG./ Foto: Carlos G. Hervella.

Facendo un oquiño na súa apretada axenda, recibe a O SIL na cidade de Vigo, na que nacía un 28 de novembro de hai 85 anos e na que agora reside. “Dos catro irmáns, tres nacemos aquí, onde os meus pais tiñan unha taberna, pero eu considérome do Ribeiro, sobre todo da aldea de Ventosela. Para alá marchamos o 1 de xaneiro de 1938”, lembra. Foi alí onde comezou a falar galego. Tiña 9 anos. “Daquela na cidade non se falaba galego e cando fumos para a aldea, aínda que sabía e oía, empecei a falalo con dificultade ao principio”, continúa. Tras estudar Bacharelato en Ribadavia e Vigo, traslábase a Madrid, onde se licenciaba en 1953 na Facultade de Filosofía e Letras (especialidade en Filoloxía Románica). Desa etapa conta anécdotas como a visita que lle facía, alá por 1952, a Laureano Prieto á aldea de Carracedo (Viana do Bolo) para resolver con criterio científico unha cuestión lingüística que lle plantexara o seu profesor, Dámaso Alonso.

Este filólogo e historiador da literatura galega ingresaba na RAG en 1993, ocupando a cadeira de Rafael Dieste. Vinte anos despois, o 20 de marzo de 2013, accedía á presidencia desta institución, despois da demisión do tamén ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín e de vencer, cunha estreita vantaxe, á candidatura encabezada por Manuel González nas primeiras eleccións que se celebraban na Academia. “Certamente a situación na que eu entro é anómala porque nunca antes un presidente demitira, nin nunca se presentara máis dunha candidatura á presidencia. Houbo dúas porque bastantes membros da RAG entenderon que a presentada inicialmente era moi continuísta coa directiva anterior”, comenta Alonso Montero. Agora preside unha comisión executiva formada por Henrique Monteagudo (secretario), Rosario Álvarez (tesoureira), Margarita Ledo (arquiveira-bibliotecaria) e Andrés Torres (vicesecretario).

¿Que balance fai destes meses?
O programa é o que se desprende dos estatutos da RAG, dos artigos 1 e 2. No artigo 1 dise que a RAG está ao servizo da cultura galega, fundamentalmente da difusión, ilustración e promoción do idioma galego. Polo tanto, con canta actividade, canto traballo e canta publicación estea nesa liña estamos cumprindo con ese artigo. Logo vén o segundo, que é consecuencia do primeiro pero máis técnico. A Academia é a institución que establece os criterios para elaborar a norma do galego, que é a que di se unha determinada palabra é do rexistro culto ou do popular, se unha expresión pertence ao ámbito formal ou outra a un ámbito menos formal. En todo caso a RAG é a única institución no mundo que, por Lei do Parlamento de Galicia, está facultada para establecer o que é correcto e o que non. Polo tanto, todo o que se leve a cabo neste senso é facer o que nos mandan os estatutos aos que nos debemos. Nestes 15 meses houbo un conxunto de actividades entre as que están unha homenaxe a dous presidentes recentes da Academia, García-Sabell e Fernández del Riego, e tamén homenaxeamos a Martín Códax coa edición en facsímile do famoso códice coas sete cantigas (seis das cales teñen a música e están nun museo de Nova York), trouxemos á máxima autoridade mundial en lírica medieval, Guiseppe Tavani, de Roma e organizamos un concerto nunha igrexa románica moi próxima á Academia. Ademais no 2013 reeditamos un texto verdadeiramente fabuloso na bibliografía literaria galega, que cumpría 200 anos. Trátase do opúsculo Rogos dun escolar gallego á Virxe do bo acerto para que libre á terra da Inquisión, que non é só un alegato contra a Inquisición, senón tamén contra co absolutismo e a favor dun certo espírito crítico. É obra de Manuel Pardo de Andrade, que era de Oleiros. E reunimos, por primeira vez, a empresarios que a priori nós sabiamos que estaban interesados en galeguizar a súa empresa. Estivemos tres ou catro académicos un día enteiro falando con eles no Balneario de Mondariz.
¿Como pode a RAG achegarse máis á sociedade?
Nós tratamos de chegar, pero é moi difícil. Vivimos nun mundo no que o que chega á sociedade son os produtos da tele, para que nós consigamos unha foto ten que haber un pouco de escándalo. No noso programa electoral incluíamos a edición dun folleto para explicarlle á xente qué é a RAG, onde está, a súa historia, os seus presidentes, os académicos, as súas publicacións, etc. A idea é mandarllo ás asociacións de veciños, aos alumnos de Bacharelato dos institutos… Imos editar uns 15.000 folletos. Ás veces o protagonista nese labor é o presidente polo seu cargo. Por exemplo, hai un colexio na provincia de Pontevedra, o do Foxo, no que un día un profesor púxolles aos alumnos unha entrevista miña para falarlles da RAG e o que máis lles impactou foi que o presidente vaia en tren e que renuncie ao coche oficial. Tanto foi así que dixeron que querían coñecerme. Contactaron comigo e un día esperáronme en Santiago e montaron no tren xunto con catro profesores e na mesma viaxe dinlles unha conferencia, ante o asombro dos outros viaxeiros. Faleilles do poema de Curros Enríquez sobre a chegada da primeira locomotora a Ourense e do autor a quen eu máis lle debo, que é Antonio Machado, en concreto do seu poema “El tren”. E niso chegamos á Coruña é alí fumos á RAG. Tamén teño impartido conferencias en prisións como as de Teixeiro ou A Lama falando da historia da RAG.
A decisión de adicarlle a Filgueira Valverde ás Letras Galegas suscitou polémica, ¿como ve a súa figura?
Tiven unha relación persoal con el que á xente sempre lle sorprendeu un pouco, o comunista e o dereitista, porque obviamente Valverde era un home de dereitas. Cando ingresei na RAG o académico ao que escollín para que contestara o meu discurso foi el. Teño escrito moito sobre Filgueira, así que a miña vida de erudito e profesional vai moi ligada a el porque eu admíroo moito como polígrafo. Filgueira Valverde e Otero Pedrayo foron os dous últimos polígrafos que tivo Galicia.
Hai máis de 40 anos que se publicaba o seu Informe _dramático_ sobre la lengua gallega, ¿como ve a situación do galego hoxe?
Non vou dicir se a situación é mellor, igual ou peor. Creo que dende que existe a democracia, a autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, hai uns 35 anos, producíronse tres cousas moi importantes. Primeiro, desacelerouse o proceso de perda do galego. Segue a perderse como fala oral, porque hai pais galegofalantes que non lle transmiten a lingua aos fillos, pero dase o paradoxo de que eses rapaces cando van xantar cos seus pais poden vir de facer un exame de galego ou de literatura galega, ou de oír unha conferencia en galego. Se non houbese escola, televisión, literatura, Parlamento galego… a situación da lingua sería calamitosa. Aínda que se seguen perdendo falantes naturais, desacelerouse o proceso. Ademais, hoxe na sociedade o galego ten menos desprestixio que hai 40 anos ou ten máis prestixio nos sectores que xa o vían con certa simpatía. E hai un terceiro aspecto. En Galicia viven máis de 300.000 persoas entre 15 e 40 anos que recibiron o 50% do seu ensino secundario en galego. Non só saben galego, senón que saben o que é un infinitivo conxugado, coñecen a Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Manuel Antonio… eu non sabía nada. Cando no ano 48 terminei o Bacharelato en Vigo nunca oíra falar de Castelao, ¿hai hoxe algún rapaz de Bacharelato que non teña oído falar del? A cousa é cualitativamente distinta. Aí é onde había que traballar a política da Xunta fundamentalmente. A RAG pode facer pouco, é máis ben unha institución técnica.

Nunha sociedade marcada pola globalización, as novas tecnoloxías, as redes sociais, ¿como ve o futuro do galego?
Só van sobrevivir os idiomas que estean asistidos polas institucións, pola escola, por un aparato literario e de medios de comunicación importante. Dos 7.000 idiomas que se falan aínda no mundo, milleiros non teñen ese aparato. E para linguas como o galego ou o catalán, con escola dende infantil á universidade, con Parlamento e medios asistindo a ese idioma o certo é que na época da globalización temos novos desafíos. Estamos nunha etapa nova na que temos que artellar sistemas de defensa e promoción do galego distintos. Os desafíos que ten hoxe o galego son grandes, pero estamos aínda en condicións de desafialos, se ben convén que o fagamos canto antes.
¿Como lle gustaría ver á RAG cando remate o seu mandato?
Máis coñecida e recoñecida na sociedade galega e que ésta entenda que é imprescindible como institución técnica para elaborar os criterios explicitados no artigo 2 dos estatutos. E que a próxima directiva da RAG traballe cos problemas habituais que toda entidade ten, pero non con problemas artificiais que ás veces se lle crean a unha institución.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button