En portadaÚltima hora

A nova Lei de recuperación e posta en valor da terra, presentada en Trives polo conselleiro do Medio Rural

 

Agricultores e gandeiros, así como alcaldes do Macizo Central ourensán e da comarca trivesa, asistían na tarde do 26 de decembro a un acto organizado pola Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen) no Hostal La Viuda de Trives para explicar a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Nel contábase coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, que estaba ademais acompañado polo deputado valdeorrés Moisés Blanco.

“Esta lei pretende recuperar esta terra extraordinaria que temos nesta comarca, entre a doutras partes de Galicia, poñéndoa en valor con proxectos con valor engadido e rendabilidade”, indicaba José González, “é unha lei da Administración autonómica, pero que necesita contar cos concellos e un exemplo diso é o caso das aldeas modelo”.

Na súa intervención tamén explicaba que esta norma complementa e desenvolve o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.

Xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga e que se seguirán decretando, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras.

 

O conselleiro do Medio Rural, antes de iniciarse o acto en Trives.

 

Dos seus contidos, destacou en particular unha das figuras que creará, o Banco de Explotacións. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. “A finalidade é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman”, dicía José González.

Desta forma, insistiu, fomentarase a remuda xeracional no agro galego para consolidar o futuro do noso rural. Ademais, o titular de Medio Rural sinalou que con esta nova lei tamén se apostará por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

A principal motivación da futura lei é loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

 

Un dos momentos da presentación.

 

O conselleiro dixo tamén que esta norma facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o xa citado Banco de Explotacións.

Neste acto, José González reiterou ademais que a Consellería manterá cara o ano 2021 todas as axudas en materia agrogandeira, posto que os fondos para o chamado “período transitorio” da PAC van proceder do orzamento da Unión Europea asignado a Galicia para ese mesmo ano. Fixo especial referencia á continuidade das achegas para zonas de montaña e desfavorecidas, que teñen unha incidencia moi positiva nestas bisbarras do oriente ourensán.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close