EconomíaEconomíaÚltima hora

A nova normalidade permite ocupar todas as prazas traseiras dun taxi

Así o vén de anunciar a Xunta, que matiza que deberá facerse "mantendo a prevención para garantir a mobilidade segura"

 

A nova normalidade permite ocupar todas as prazas traseiras dun taxi “mantendo a prevención para garantir a mobilidade segura”, así o vén de anunciar a conselleira de conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que esta mañá mantiña un encontro co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, e representantes do colectivo para abordar a situación do sector.

Tras levantar a pasada semana o Ministerio de Transportes as restricións de aforo en autobuses, a Xunta considerou “razoable estender esas medidas aos taxis, tendo en conta que, neste caso, os usuarios adoitan ter vinculación. Trátase de permitir ocupar todas as prazas traseiras dos vehículos de transporte de ata 9 prazas, deixando libre o asento do copiloto e mantendo as medidas de hixiene e prevención establecidas”, segundo informa a consellería.

 

A Coruña
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, manterá un encontro co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI), Manuel Sánchez Quindimil e representantes do colectivo para abordar a situación do sector na nova normalidade.
16/06/2020
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

 

 

Ademais a Xunta lembra que dende a declaración da emerxencia sanitaria polo Covid-19, impulsouse, en colaboración co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, unha guía con recomendacións básicas e medidas de hixiene e de protección no sector do taxi.

Neste sentido, a conselleira puntualizou que agora que comezan a incrementarse os desprazamentos cómpre “traballar para xerar confianza no transporte público e promover unha mobilidade segura”.

Incentivos para pantallas

Ethel Vázquez tamén explicou no encontro a orde de axudas da Xunta, dotada con 300.000 euros, para a instalación de 4.000 pantallas protectoras nos vehículos de taxi e alugueiro con condutor. “Estes incentivos subvencionarán o custo da pantalla coa achega de ata 75 euros por anteparo e vehículo. As subvencións pretenden chegar ao 100% do sector para fomentar a mobilidade segura en taxi”, tal e como informa a consellería.

Cando se solicite a axuda, a pantalla protectora deberá estar xa instalada, sendo subvencionables aquelas que se adquiran entre o 1 de marzo e o 31 de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button