En portadaÚltima hora

A novidosa “VIII Noite Branca” do Barco CCA conquista ao público e vence á chuvia

Nesta iniciativa de dinamización comercial, que se desenvolvía na tarde e noite do 18 de xuño, participaban 29 comercios e 2 establecementos de hostalaría

 

Ambiente festival e comercial nas rúas, tendas cheas de clientes e moitas vendas. Dende O Barco Centro Comercial Aberto (CCA), que preside Jacobo Arias, faise un primeiro balance moi positivo da novidosa VIII Noite Branca, que se desenvolvía na vila entre as 20h. e as 00h. do venres 18 de xuño. “Aínda estamos recollendo valoracións, pero as que nos están chegando son todas moi positivas, os comerciantes están moi contentos. A xente saíu e mercou moito, unha vez máis os clientes apostaron polos nosos establecementos, polo comercio de proximidade e aproveitaron os descontos e, ademais, fixérono ata o final da Noite Branca”, destacan dende O Barco CCA.

Era ademais unha edición innovadora e que establecía dúas zonas diferenciadas de actividade: a denominada comercial e a de “premios”. A primeira incluía as rúas nas que están situados os locais participantes: un total de 29 comercios e 2 establecementos de hostalaría. Nelas creábase unha animada ambientación, a partir das 20h., con música continua, mentres os clientes circulaban polas rúas, entraban nas tendas e realizaban compras ou tomaban algo na hostalaría. Con cada unha desas compras ou consumicións nos establecementos, recibían un tícket de compra que lles permitía participar no concurso “Xogamos!”, que se desenvolvía na chamada “zona de premios”, no pavillón vello do Barco a partir das 22h.

 

 

Tratábase dun espazo acotado, cunha pantalla xigante e con cadeiras separadas coa debida distancia de seguridade, ao que accedían os clientes en grupos de dez persoas. A cada un deles entregabáselles unha pegatina cun número no punto de acceso e desinfección Covid. Unha vez dentro do recinto, a asociación elixía ao azar, extraendo un número do 1 ao 10, que participante comezaba o xogo. Os xogadores debían superar os paneis para poder acceder aos premios doados polos asociados do CCA.

Os paneis incluían cuestións sobre cultura xeral, probas de música nas que debía adiviñarse o nome da canción e o/a autor/a; ou probas de prezo xusto, nas que os participantes competían por levarse un regalo. Posteriormente, entre todos os participantes sorteábase unha televisión de plasma de 32 pulgadas. Os clientes debían cubrir co seu nome e un teléfono unha rifa de participación e depositala na urna. Ao rematar o xogo extraíase ao azar a rifa premiada e a televisión tocáballa a unha participantes. No decurso do concurso contábase coa presenza do presidente do CCA e da súa xerente, Jacobo Arias e Ainhoa Carracedo, respectivamente; así como coa do concelleiro de Comercio do Barco, Eladio Santos.

 

 

Esta novidosa proposta resultaba tamén un éxito. “Tiñamos un pouco de medo de como respondería á xente pola meteoroloxía, pero o certo é que tivemos moitísima partipación, polo pavillón pasaron máis de 70 persoas. Tiñamos uns 40 regalos que foron doados polos asociados do CCA (dende camisetas e vales para masaxes ou para limpezas faciais ata unha caixa de produtos gastronómicos) e houbo que facer varias rondas entre os participantes para os premios. Estamos moi contentos e pensamos que foi algo diferente e que á xente lle gustou moito o concurso, que desfrutou e que marchou satifeita cos regalos”, destacan dende o CCA.

 

 

Nos vindeiros días dende esta asociación seguirase recabando a opinión dos establecementos participantes nesta iniciativa de dinamización comercial, pero polo de agora, consideran que a resposta do público foi moi positiva, algo que agradecen. Ademais pensan que as novidades introducidas amosan que se pode seguir mellorando a “Noite Branca”. “Isto é unha proba de que se pode continuar mellorando de cara á vindeira edición con novas actividades e propostas”, aseguran dende O Barco CCA.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/cobra-vida-a-viii-noite-branca-do-barco-con-moitas-novidades/

 

Artigos relacionados

Back to top button