OurenseÚltima hora

A obra “El Lobo. Tótem y tabú” preséntase en Ribadavia

O Museo Etnolóxico acollerá na tarde do 13 de agosto a presentación deste libro do antropólogo Francisco Almarcha, que estará acompañado polo investigador Félix Castro Vicente

Non é un animal máis. Especialmente temido, o lobo ten un fondo peso no rural e na cultura tradicional galega. Na súa figura afonda a obra “El Lobo. Tótem y tabú” (Tundra) do antropólogo Francisco Almarcha. Este libro será presentado o vindeiro martes 13 de agosto ás 20.30 h. no Museo Etnolóxico de Ribadavia, nun acto que contará coa presenza do tamén antropólogo Félix Castro Vicente, que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia.

Neste traballo Francisco Almarcha amosa como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos “proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais. Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado”, tal e como se indica dende o Museo Etnolóxico.

Francisco Almarcha, antropólogo, filólogo e observador de aves, reside actualmente en Villena (Alacante). Desde 1992 é profesor de Lingua e Literatura Castelá e desde 2010 de Antropoloxía no Departamento de Humanidades contemporáneas da Universidade de Alacante. Está especialmente interesado nas interrelacións entre animais humanos e non humanos e ten publicado diferentes artigos, tanto académicos como divulgativos, nos que reflexa o seu compromiso conservacionista. No ano 2017 leu a súa tese doutoral ( coodirigida por M. Pastor e Garry Marvin) na Universidade de Alacante sobre o turismo e o lobo na serra da Culebra.

Por outra banda, Félix Castro Vicente, avogado, antropólogo, músico, e bibliófilo, ten realizado diversas investigacións de tipo etnográfico, xunto co seu irmán Cástor, sobre todo no campo da música tradicional de Ourense. Outro campo no que teñen feito achados de importancia, é arredor da figura de Manuel Blanco Romasanta “o home do unto”, “o home lobo de Allariz”, razón pola que tamén ten estudado incidentalmente as crenzas sobre o lobo e a licantropía en Galicia.

Tamén ten investigado sobre o ocultismo español, bibliografía, escritores e autores ocultistas do cambio do século XIX ao XX, principalmente arredor do Libro de San Cipriano e a súa relación cos grimorios europeos, campo no que é un referente internacional. Con este motivo nos últimos anos reuniu unha colección de máis de trescentas obras antigas de ocultismo.

Artigos relacionados

Back to top button