CulturaCulturaÚltima hora

A obra pictórica do artista barquense Jesús Díaz Ferrer, no Casino do Barco

A exposición poderá visitarse de 19:30h. a 22h. os xoves, venres e sábados ata o 31 de xullo

Unha escolma da obra do artista Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Concud, Teruel, 2017), ocupa dende esta tarde unha das salas da Sociedade Casino do Barco de Valdeorras. Trátase dunha vintena de cadros de diferentes tamaños e temáticas moi variadas, dende paisaxes, desnudos ou mercados ata autorretratos, así como dúas esculturas que o artista barquense pintou entre os anos 40 e o 2015, parte dunha colección particular e que estarán expostos ata finais de mes.

Da presentación desta interesante mostra ocupábase o concelleiro de Turismo do Barco Eladio Santos, dando a benvida aos asistentes antes de dar unhas pinceladas sobre a obra en cuestión. “Nos cadros de Díaz Ferrer destaca o intenso colorido característico da primeira metade do século XX, sendo un artista que participa en movementos como o fobismo, o expresionismo e mesmo o surrealismo, o que demostra que era un pintor de talento pero tamén de formación”, dixo.

 

 

Da traxectoria de Díaz Ferrer encargábase Lolo Gómez Segura, quen coñeceu a obra do pintor en 1988 “da man dun sacerdote, D. Baldomero, que tiña un par de cadros seus que me gustaron polo que empecei a indagar sobre el, incluso intentei coñecelo en Teruel onde estaba instalado pero non o conseguín”. Así e todo, Lolo seguiu a evolución do artista que malia nacer e pasar a súa adolescencia no Barco, pronto marchou, pasando por cidades como Madrid ou París (a súa viúva é francesa e vive en Teruel). “Jesús foi un home que viviu excusivamente da pintura polo que tiña épocas boas e outras moi malas, ata o punto de que hai cadros aquí expostos que están pintados polas dúas caras porque ás veces non dispoñía de lenzos e iso que pintaba en todo tipo de superficies (tea, madeira, papel,…)”, conta Lolo asegurando que o tema onírico era moi importante para el intentando plasmalo en todos os seus cadros.

 

 

Jesús Díaz Ferrer era un home detallista e curioso, de poucas palabras e introvertido, pero tamén un home de acción que necesitaba comunicar a través do que mellor sabía facer, pintar, e a quen “O Barco non o puxo no lugar que lle correspondía e iso foino minando”, asegurou Gómez Segura, botando en falta cadros moi destacados como os que pintou sobre Maio do 63 ou sobre a Guerra Civil. “Esta é unha escolma que está moi ben pero convido ao Concello a ampliala”, dixo aproveitando a ocasión para “reclamar un pouco máis de intencionalidade en defender figuras como esta, moi importante e pouco coñecida que debería darse a coñecer xa nos centros educativos”.

Dende a organización, o presidente da Sociedade Casino do Barco, Pablo Dobao, amosouse encantado de poder contar con esta mostra “especialmente importante por ser dun artista do Barco” esperando que sexa unha das moitas exposicións que pensan organizar de aquí en adiante. O acto remataba cuns petiscos e un viño para os asistentes, pero antes o promotor da mostra Nito Martínez asegurou que “os entendidos din que fai falta ver varias veces a obra de Díaz Ferrer para entendela e que che guste pero no meu caso foi amor a primeira vista”.

O horario de visitas da exposición será de 19:30h. a 22h. os xoves, venres e sábados ata o 31 de xullo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button