ConcellosÚltima hora

A obra pictórica do valdeorrés Jesús Díaz Ferrer chega a Monforte de Lemos

Do 19 de setembro ao 5 de outubro a mostra “Crónica de maio-París 1968” , producida polo Concello do Barco, poderá visitarse na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro desta cidade lucense

 

Algunhas das obras que forman parte da exposición “Crónica de maio. París 1968”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sete meses despois da súa inauguración no Barco, continúa o periplo da exposición pictórica “Crónica de maio-París 1968” de Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Concud, Teruel, 2017) polo territorio galego. Tras pasar por lugares como Santiago de Compostela, Muros ou A Coruña, esta mostra (producida polo Concello do Barco baixo a curadoría de Luis Enrique Rodríguez Arias) será inaugurada o 19 de setembro en Monforte de Lemos. Alí poderá visitarse ata o 5 de outubro na sala de exposición da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro cun horario de 10h. a 14h. e 17h. a 22h. (de luns a venres).

Esta exposición está composta por 44 obras do autor valdeorrés sobre o acontecido en París, onde el vivía, durante as revoltas de maio de 1968.

Tamén está previsto que a comezos de 2019 a mostra regrese á provincia de Ourense, concretamente estará na sede da Fundación Vicente Risco de Allariz e no Liceo de Ourense, onde Díaz Ferrer fixera a súa primeira exposición de pinturas en 1945 apadriñado precisamente por Vicente Risco.

 

Cartel da exposición.

Artigos relacionados

Back to top button