CulturaCulturaÚltima hora

A odisea de Nmonadah na procura de Arnoia, no Barco

O espectáculo de teatro-circo "Arnoia Arnoia: O Circo da Casa Pequena" representarase o 15 de novembro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo

Unha escena da obra./ Foto: Pistacatro. http://www.pistacatro.com/gl/arnoiaarnoia/

 

Nmonadah é unha moza de 16 anos que está soa. Perdeu a súa familia nunha guerra e vese obrigada a iniciar un camiño de volta á casa cheo de perigos e no que non é doado diferenciar a amigos de inimigos. No decurso desa viaxe debe superar nove probas que lle permitirán regresar “á súa casa pequena”. A súa aventura poderá vivirse no Teatro Lauro Olmo do Barco a partir das 21h. do venres 15 de novembro.

Nmonadah é a protagonista de “Arnoia Arnoia: O Circo da Casa Pequena”, un espectáculo de formato grande coproducido por Pistacatro e o Centro Dramático Galego (CDG), dirixido por Quico Cadaval e con texto do ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín. Nesta aventura esta moza contará coa axuda do Mestre Lionel e dunhas criaturas prodixiosas que desafían á lei da gravidade: os artistas do circo.

Esta peza de teatro-circo, cunha hora e corenta minutos de duración, conta cun elenco formado por Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio.

“Arnoia Arnoia: O Circo da Casa Pequena” é “unha conversa entre o mundo múltiple do imaxinario de Ferrín e o prodixioso mundo do circo de Pistacatro Fábrica de Soños, e o rol diplomático de Quico Cadaval, ordenando o tráfico”, segundo Pistacatro.

Artigos relacionados

Back to top button