EconomíaEconomíaÚltima hora

A Oficina de Turismo de Sober incrementa en case un 50% a atención de viaxeiros nos meses de xuño e xullo

Recibiu 1.207 visitantes de diferentes nacionalidades, entre eles 6 do estranxeiro e 15 de diferentes países europeos

Grazas, en parte, ao impulso que a candidatura a Patrimonio Mundial lle está dando ao número de turistas que visitan Sober e tamén o conxunto da Ribeira Sacra, segundo o alcalde do concello lucense Luis Fernández, a Oficina de Turismo do Concello de Sober “incrementou este verán nun 45,07% o número de visitantes atendidos nos meses de xuño e xullo con respecto ao ano 2018”. Tamén influíu o feito de que “a localidade conte con novos establecementos hoteleiros de primeiro nivel, aos que se están a sumar novas aperturas no ámbito da hostalería e a restauración”, asegura Fernández.

En concreto, nos meses de xuño e xullo deste ano recibíronse 1.207 visitantes na Oficina de Turismo da localidade, fronte ás 832 que se achegaron nos mesmos meses do ano pasado, segundo os datos facilitados dende o Concello.

Por lugar de procedencia, os turistas son maioritariamente (preto de 1.000 persoas) do territorio nacional. Os visitantes do estranxeiro suman 85 persoas, procedentes de países como EEUU, Uruguai, Venezuela, Arxentina, México ou Xerusalén. Entre os turistas europeos figuran diferentes nacionalidades, como Portugal, Francia, Suíza, Inglaterra, Escocia, Alemaña, Holanda, Polonia, Suecia, Hungría, Eslovenia, Bélxica, República Checa e Italia.

“Os visitantes interésanse sobre todo por información sobre miradoiros, embarcadoiros, o románico, as bodegas da zona, a olería, os catamaráns, a hostalería e hospedaxe, así como as rutas pola Ribeira Sacra”, conclúen satisfeitos dende Sober.

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button