A RúaConcellosÚltima hora

A Oficina de Turismo Valdeorras-A Rúa reabrirá o 2 de maio

A Oficina de Turismo Valdeorras-A Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tal como estaba previsto, tras uns intensos meses de actividades a finais de decembro de 2021 a Oficina de Turismo-A Rúa pechaba durante o inverno. Agora, en plena primavera e coincidindo co regreso á normalidade, volverá abrir as portas.

Segundo adianta o alcalde da Rúa Álvaro Fernández, será o luns 2 de maio cando se poña de novo en marcha a oficina coa valdeorresa Soledad Figueroa á fronte. “En principio, seguro, ata o mes de xullo e intentaremos que esté tamén en agosto para dinamizar a vila, porque necesitamos que haxa eventos e a xente volva saír á rúa”, di o rexedor, lembrando que o Concello fai un esforzo extra para poder dar este servizo, buscando financiación externa para poder telo durante máis tempo.

De feito, tal como indica Álvaro, a propia oficina ten un papel dinamizador. “Xa non só como punto de información senón na integración das distintas asociacións para organizar e coordinar as actividades porque canta máis xente haxa implicada, mellor, máis alá do que poida organiza o Concello”.

Entre as actividades que segundo o alcalde se recuperarán este verán, están a Cea e o CarnaVrao da Asociación San Cristóbal; e o CaViño, ademais das festas de verán e da Baco Festa.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button