En portadaÚltima hora

A oportunidade da chegada do AVE á provincia, analizada nun foro en Ourense

Na súa clausura o presidente da Xunta dicía que "conseguimos un feito fundamental, que é a entrada en Ourense, pero o traballo continúa"

 

A chegada do AVE a Ourense, coa entrada en servizo da liña da alta velocidade ferroviaria Madrid-Ourense, e as oportunidades que suporá para o turismo e a competitividade económica de Galicia estanse a analizar no foro “Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades”, que se vén desenvolvendo ao longo desta mañá en Expourense. O encontro era inaugurado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e na súa clausura contábase co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Ademais, o encontro avaliaba temas relevantes para acadar o máximo rendemento da alta velocidade, como o axuste da oferta de servizos á demanda, a adaptación das estacións ferroviarias e a dotación de comunicacións axeitadas as estacións de Ourense e da Gudiña.

Entre os participantes na xuntanza estaban os ex ministros José Blanco e Ana Pastor e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites. O turismo é un dos sectores que verá redobradas as oportunidades coa alta velocidade, para o que será preciso a implicación deste colectivo profesional. Neste sentido, o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, apelaban á activación de iniciativas para aproveitar ao máximo este acontecemento.

Pola súa banda, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, afirmaba que ante esta nova realidade, “desde a Deputación de Ourense, a través do Inorde traballamos para xestionar que o fluxo de viaxeiros do AVE teña un impacto positivo no conxunto da provincia” e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, “levamos a cabo unha campaña de promoción baixo o lema “Ourense Coge Velocidad”. O fin era “xerar notoriedade do noso destino ante os potenciais visitantes de proximidade da capital española”, lembrou.

 

O presidente do Inorde, co responsable do Clúster de Turismo de Galicia e co delegado da Xunta en Ourense./ Cedida.

 

Para Fernández o feito de que “Ourense se atope a tan só dúas horas e quince minutos da capital de España, tamén nos converte nun destino moi atractivo, non só para ese mercado de proximidade que busca un destino seguro, tranquilo, cunha ampla oferta natural, patrimonial, enogastronómica e termal, senón que nos abre a posibilidade de que viaxeiros doutros puntos de España nos escollan pola nosa proximidade e boas comunicacións ferroviarias con Madrid, que concentra a gran maioría de saídas e chegadas de viaxes do noso país”,

Entre o ponentes estaba tamén José María Lago, alcalde da Gudiña, municipio que acolle a estación Porta de Galicia, a primeira en territorio galego da nova liña de alta velocidade ferroviaria, que se inauguraba o pasado 20 de decembro. Na súa intervención, lembraba o “despegue económico e demográfico” que supuxo para este municipio a chegada do ferrocarril a mediados do século XX, coa inauguración da súa primeira estación en 1957 e tamén o longo proceso ata conseguir esta nova liña, cunha serie de reunións que se iniciaban alá polo ano 2000 ata “conseguir a nova estación que hoxe é unha realidade”, tamén aludía aos “centos de traballadores que pasaron polo noso concello nos anos que duraron as obras”, e o dinamismo que iso significou para A Gudiña, coincidindo ademais cos anos da crise económica.

 

O alcalde da Gudiña, xunto a outros ponentes do foro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Lago resaltaba tamén a importancia disto nun dos concellos de España “con maior número de establecementos hostaleiros por habitante” e o que pode supoñer esta nova infraestrutura, tendo en conta a gran cantidade de recursos de interese turístico que rodean a esta zona, dende Valdeorras, pasando polo Macizo Central Ourensán, ata a Ribeira Sacra, Verín e o norte de Portugal. “Creo que o AVE trouxo futuro á Gudiña, Ourense e Galicia”.

O alcalde da Gudiña tomaba a palabra nunha mesa redonda, moderada polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e na que tamén interviñan Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia; Jesús Vázquez, presidente da “Plataforma Lugo… non perdas o tren”, e Iria Méndez, portavoz da “Plataforma de usuarios de ferrocarril de media distancia”.

Ademais, a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Novoa, interviña dende o público para resaltar “a importancia de aproveitar esta oportunidade, non podemos perder tempo” dende o punto de vista empresarial e propoñendo “foros específicos nos que estean presentes os sectores empresariais”. Finalizaba mencionando as infraestruturas pendentes e que permitirán desenvolver mellor na provincia a chegada da alta velocidade.

A continuación, o delegado da Xunta en Ourense daba paso a unha nova mesa redonda coas intervencións de Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña; de Rui Teixeira, director da AETC Río Minho; e de Agustín Hernández, presidente do Consello Económico e Social de Galicia, que abordaban a importancia de completar as etapas pendentes para que o AVE chegue ao resto das cidades da comunidade co obxectivo de reforzar a competitividade en toda Galicia.

 

O presidente da Xunta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Alberto Núñez Feijóo: “Ourense é a capital da alta velocidade”

O foro clausurábao o presidente da Xunta, Alberto Núñez, quen sinalaba que o “AVE nace como a oportunidade histórica para consolidar Ourense como a cidade mellor comunicada de Galicia” ao contar cun “aeroporto ferroviario, é a capital da alta velocidade”. Nese senso, engadía que “esta nas nosas mans ser dos mellores para aproveitar esta oportunidade”.

O titular do goberno galego lembraba os primeiros pasos dados para conseguir esta liña, lembrando que no primeiro mapa da alta velocidade (en 1993) non figuraba Galicia, que se incluía no 2000, nun segundo mapa. Lembraba tamén o “enorme esforzo técnico” que supuxo este trazado e que as obras de construción desta liña se levaron adiante “nos peores anos da crise económica”.

E, finalmente, indicaba que “o importante é falar de futuro.  O primeiro que nos queda pendente en Ourense é a variante exterior”, así como “unha estación ferroviaria coherente”, as obras de rehabilitación do túnel do Padornelo “e reforzar a subestación de Portas”. Feijóo incidía en que “imos facer do Eixo Atlántico unha liña de proximidade de gran acreditación de pasaxeiros e posiblemente sexa un dos tramos de maior tráfico de paisaxeiros de España”.

Feijóo concluía que “20 anos despois, conseguimos un feito fundamental que é a entrada en Ourense da alta velocidade, pero o traballo continúa e temos que poñer en valor todas as capacidades que temos instaladas: enoturismo, termalismo, deporte… Temos unha gran oportunidade”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button