SanidadeÚltima hora

A orde que regula a aplicación “Passcovid”, publicada no DOG

Esta aplicación actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o traceo automático de contactos

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar hoxe a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de información “Passcovid”, que desenvolve a Xunta de Galicia, como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

A aplicación “Passcovid” busca ser canle “telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o  traceo automático de contactos”, explica a Consellería de Sanidade. A través de “Passcovid” recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en  RadarCovid no caso de que, de forma voluntaria, a persoa desexe reportar o positivo.

Así mesmo, entre as funcionalidades que integran á aplicación galega tamén se atopan a de achegar información relevante e consellos sobre a evolución da covid-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes, e mesmo trasladar recomendacións sobre o xeito de como afrontar a actual situación sanitaria.

Coa intención de optimizar ao máximo a xestión e control da expansión do virus na comunidade, a axilidade da nova ferramenta de participación cidadá, permitirá adoptar medidas axeitadas cunha maior celeridade e precisión segundo evolucione a situación epidemiolóxica.

O novo sistema de información, en fase de pilotaxe actualmente, estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na nosa comunidade. Neste senso, o acceso e uso da aplicación por menores de idade está limitado a aquelas funcionalidades do sistema que non requiran do tratamento dos seus datos persoais. Nestes casos, e de acordo co artigo 7 da Lei Orgánica de Protección de Datos, será necesario o consentimento, ben do menor cando sexa maior de 14 anos, ou ben do seu pai/nai, titor/a, cando se trate menor de 14.

Cómpre subliñar que tanto a instalación da APP como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades e o seu uso, serán sempre voluntarios, garantindo a privacidade e confidencialidade dos datos que se insirán na mesma.

Deste xeito, a Xunta de Galicia agrupa nunha única app un conxunto de utilidades para cidadanía, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios.

As persoas que descarguen a aplicación ‘Passcovid’, poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado, ou ben, por un perfil anónimo. No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación con la COVID. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia.

En ámbolos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á ubicación da persoa en cada intre. Así, ‘Passcovid’ facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os brotes activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar.

Vixencia até a finalización da crise sanitaria

O sistema de información ‘Passcovid.gal’ estará vixente até a finalización da situación de crise sanitaria, que será declarada polo goberno estatal, ou, de ser posterior, até o momento da declaración polo goberno autonómico da finalización da situación de emerxencia sanitaria.

A fin da vixencia do sistema de información será publicado no DOG, e implicará a inmediata desactivación da APP, sen prexuízo de que os datos deban conservarse en cumprimento da normativa sanitaria, ou polo seu valor científico e epidemiolóxico, en cuxo caso se conservarán de forma anónima.

A orde publicada pode consultarse aquí:

AnuncioC3K1-180820-0003_gl>

A información acerca do sistema e da APP estarán dispoñibles no portal informativo: https://passcovid.xunta.gal

Artigos relacionados

Back to top button
Close