DeportesÚltima hora

A organización que fixo posible o galego absoluto de clubs de atletismo no Barco

O presidente da FGA fai un balance moi positivo desta 32 edición do campionato, marcado tamén polo recoñecemento a Luis Nogueira

 

Xa na presentación do XXXII Campionato de Galicia absoluto de clubs, o presidente do Club Adas, Agustín González, aludía á complexidade de organizar un evento deste tipo no Barco. Pero tanto a Federación Galega de Atletismo (FGA), como a delegación desta entidade e o Adas afrontaban o reto con ilusión, contando ademais co apoio dun importante número de colaboradores e voluntarios que permitiron facer realidade, e cun balance moi positivo, este evento atlético dedicado ao lanzador valdeorrés de xavelina Luis Nogueira.

Dende a FGA, o seu presidente, Isidoro Hornillos facía, unha valoración moi positiva desta competición e agradecía o traballo de todos os que colaboraron nel. “Estou moi contento polo desenvolvemento do campionato. Primeiro, por ter sido capaces de homenaxear a título póstumo a Luis Nogueira, de estar coa familia, de recoñecerlle á familia o moito que lle queríamos e lle queremos a Luis Nogueira, e facelo ademais diante dos clubs que toman parte no campionato máis relevante da tempada, como son os oito mellores equipos masculinos e femininos. Polo tanto, diante de toda a familia atlética de Galicia trasladamos esta mensaxe de cariño, de sentimento e de respecto á figura de Luis Nogueira”, resaltaba Isidoro Hornillos en declaracións ao Periódico O Sil.

 

O presidente da FGA, Isidoro Hornillos, no galego de clubs no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais, o presidente da FGA sinalaba que “O Barco ten méritos máis que suficientes como para que poidamos facer aquí calquera tipo de campionato de Galicia. Como presidente síntome moi contento e feliz de ter estado o 17 de abril no Barco e de ter demostrado, unha vez máis, que non nos equivocamos coa nosa decisión de organizar esta importante proba en Calabagueiros”.

Así mesmo, Isidoro Hornillos amosaba o seu agradecemento ao Club Adas, á Delegación Valdeorresa da FGA e ao Concello de O Barco, “que sempre atende cunha gran responsabilidade todas as peticións que se lle formulan dende a FGA”.

Nesta galería de imaxes, faise un resumo deste labor organizativo, entre estritas medidas sanitarias, que permitíu que as pistas de Calabagueiros volverán a acoller o seu segundo galego de clubs, tras o celebrado no ano 2012. Aínda que, desta vez, tivo que ser sen público pola situación sanitaria.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Agustín González, presidente do Adas Proinor.

Artigos relacionados

Back to top button