OurenseÚltima hora

A orquestra París de Noia pechará o programa do Magosto 2021, o 11 de novembro en Ourense

O Concello agasallará con castañas os viandantes con seis postos de castañeiras repartidos pola cidade

A orquestra París de Noia.

 

O Concello de Ourense programou espectáculos de rúa e destinados a todos os públicos en diferentes emprazamentos da cidade para celebrar o Magosto 2021 o xoves 11 de novembro, día do patrón.

A festa de San Martiño será na Catedral de Ourense con procesión polas naves do templo e misa solmne ás 11:30 horas presidida por Monseñor Lemos Montanet e cantada pola Coral De Ruada, pero as actividades municipais comezarán ás 12 horas con ruadas de gaiteiros e cabezudos por diferentes rúas da cidade, animando a veciñanza a celebrar esta singular data. A esa mesma hora comezarán, tamén, os espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar en diferentes emprazamentos da cidade, xa que haberá carpas no barrio da Ponte -xunto á ponte romana-, no Xardín do Posío, na praza do Bispo Cesáreo e no parque do Barbaña, con actuacións de Magín Blanco, Culturactiva, O mago Teto e Rilo & Penadique.

Ademais, o Concello regalará durante a tarde, cornetes de castañas entre todos os viandantes que se atopen polo centro da cidade. Será a través das seis castañeiras que estarán nas rúas do Paseo e Lamas Carvajal, así como na Praza Maior.

O reparto das castañas -unha vintena en cada cornete- comezará ás 18 horas, de forma gratuíta, ata as 22 horas ou ata que se esgoten as existencias. “A planificación dos actos de San Martiño atrasouse debido á Covid”, asegura o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “pero a falta de castañas e chourizos, este reparto servirá para amenizar as rúas”.

O prato forte desta programación será a actuación da orquestra París de Noia, desde as 19 horas na avenida Pardo de Cela. Todas as actividades son gratuítas, e o acceso ás carpas e ao converto da París de Noia é libre ata completar o aforo establecido en cada caso.


Programa Magosto 2021

Artigos relacionados

Back to top button