OurenseÚltima hora

A pantalla táctil con LED infravermello gaña a Galiciencia 2014

O proxecto de Pablo González e Efrén Varon impúxose aos outros 43 participantes na Tecnópole

A pantalla táctil con LED infravermello foi o proxecto gañador do certame Galiciencia 2014, celebrado na Tecnópole, no que participaron 44 equipos de estudantes de ESO e Bacharelato de toda Galicia e tamén de Barcelona, aos que este ano se sumaron como novidade outros 20 de Primaria fóra de competición. Este proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e tamén absoluto ao impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato.

Pablo González e Efrén Varon, do Colexio Santa Teresa de Xesús Carmelitas de Ourense, presentaron un proxecto tecnolóxico que foi destacado de xeito unánime polo xurado, e que levarán á Exporecerca, a feira científica máis importante a nivel estatal, que se celebrará en Barcelona na primavera de 2015. Pablo e Efrén foron capaces de deseñar un sistema que converte calquera pantalla de ordenador convencional nunha pantalla táctil.

O gañador na categoría de 1º ciclo da ESO, Beltrán Sousa, do Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense), demostrou a utilidade das labras de lápices e ceras de cores para fabricar calcetíns e soletas para zapatos cómodos, económicos e ecolóxicos.

Na categoría de Bacharelato as gañadoras foron Olalla Álvarez e Sara González, do IES David Buján de Cambre (A Coruña), que deseñaron un sistema de alerta de temperatura para instrumentos musicais.

Saray Ramiro, do Colexio Guillelme Brown, quedou segunda na categoría de 1º ciclo da ESO cun proxecto de elaboración de plástico biodegradable utilizando como materia prima leite de orixe animal. O terceiro posto correspondeulle a Matías Caballero e Pablo Rodríguez, do Colexio Alborada de Vigo, polo seu estudo sobre o cultivo das ascidias (organismos mariños que teñen capacidade filtradora) na Ría de Vigo para producir biomasa.

Na categoría de 2º ciclo da ESO, o freo de seguridade para cadeiras de bebé de Diego García e Ignacio González, do Colexio Los Sauces (Mos, Pontevedra), quedou clasificado en segundo lugar. O terceiro correspondeulle ao proxecto de síntese de biodiésel a partir de aceite de cociña usado deseñada por Carlos Martínez e David Santos, do CPI San Sadurniño (A Coruña).

O segundo clasificado na categoría de Bacharelato foi o proxecto de conservación de alimentos mediante ultrasóns desenvolvido pola ourensá Claudia Escapa nas Aulas Tecnópole, mentres que o terceiro foi para o robot submarino ‘Tecnorov’ de Ángel Muiño e Daniel Pérez do IES Ortigueira (A Coruña).

Os proxectos premiados foron elixidos entre os 44 participantes por un xurado formado por 34 persoas, entre os que se atopaban científicos, profesores e empresarios da Tecnópole. Estiveron expostos no recinto da Tecnópole e recibiron a visita de máis de 2.000 persoas.

Artigos relacionados

Back to top button