EconomíaEconomíaÚltima hora

A partir de mañá poderán pedirse as axudas para compensar danos causados polo xabarín e polo lobo

Nas próximas semanas convocaranse tamén o programa para sufragar medidas de prevención fronte á fauna silvestre e a orde específica para paliar os danos do oso

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar dúas ordes de axudas para paliar os danos producidos polo lobo sobre o gando e para compensar os danos causados polo xabaril nos cultivos agrícolas. As persoas interesadas nalgunha destas liñas de subvención, que suman máis de dous millóns de euros, poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá en caso de que os danos foran comunicados dentro do período fixado en cada unha das ordes.

Concretamente, a nova convocatoria para paliar os danos producidos polo lobo conta cunha partida inicial de 646.224 euros. Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen dende o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021. A estimación da Consellería de Medio Ambiente é que cos fondos dispoñibles este ano se poderán chegar a conceder unhas 800 axudas.

As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade.

Estes importes poderán incrementarse nun 30% en determinados concellos indicados na propia Orde e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable. Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e por animais abortados como consecuencia do acto de depredación, segundo informa Medio Ambiente.

En canto á orde de axudas para paliar os danos dos xabarís sobre cultivos, a nova convocatoria dispón dun orzamento de 1.447.300 euros co que se estima que se poderán outorgar unhas 1.500 subvencións. A esta liña poderán acollerse as persoas afectadas por ataques de xabaril nos seus cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2020 ata o 10 de outubro de 2021.

As contías a conceder en cada caso dependerán da superficie que resulte afectada pero poderán chegar ata un máximo de 2.000 euros por beneficiario, o que supón unha importante novidade xa que se incrementa o importe límite respecto ao de 2020, cando estaba fixado en 1.700 euros.

As novidades

As dúas ordes de axudas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia forman parte dun paquete máis amplo de subvencións en materia de indemnización e prevención dos danos provocados pola fauna silvestre. En total, a Consellería sacará catro programas de subvencións para o ano 2021 cos que mobilizará 2,63 millóns de euros e se agarda poder atender unhas 3.000 solicitudes.

Mañá convocarase a liña específica de axudas para previr e evitar os danos derivados dos ataques da fauna silvestre, dotada este ano con 480.000 euros; e como novidade, nas próximas semanas tamén se sacará por primeira vez unha liña específica dotada con 60.000 euros para indemnizar a afectados polos danos do oso.

Deste xeito, a Xunta cumpre co compromiso adquirido co sector agrogandeiro e ao igual que nas dúas anualidades anteriores, convocará a comezos de ano o paquete completo de subvencións fronte á fauna silvestre, cubrindo así a sementeira e a recollida do millo.

Artigos relacionados

Back to top button