ConcellosÚltima hora

A partir do 11 de maio a Diócese de Astorga permitirá a asistencia grupal aos templos sen superar o 30% do seu aforo

Non haberá procesións fóra do templo, nin funerais comunitarios ata que as autoridades o permitan e mantense a suspensión das primeiras comunións e das confirmacións

 

No marco da desescalada a Diócese de Astorga vén de asumir como propias as medidas de prevención propostas pola Conferencia Episcopal Española para a celebración do culto público nos templos católicos neste novo escenario.

Así, a Diócese de Astorga lembra que na “fase de transición cara a completa normalidade na que estaremos durante as próximas semanas” mantense a “dispensa do precepto de participar na misa dominical, xa decretada”, suxírese ás “persoas de risco, maiores e enfermos, que consideren a posibilidade de quedarse na casa e que sigan as celebracións polos medios de comunicación” e indícase que as persoas que “acudan á igrexa para as celebracións ou para a oración persoal deben observar as normas xerais das autoridades sanitarias e a súa evolución por fases, e seguir as pautas e recomendacións” que se indiquen.

Ademais dende a Diócese de Astorga establécense catro fases de aplicación. A primeira delas é a fase 0, na que se mantén a situación actual, é dicir, “o culto sen pobo. Preparamos na diócese e parroquias as fases seguintes e dispoñemos os templos para acoller novamente o culto (con desinfección dos mesmos”.

Na fase 1, prevista a partir do 11 de maio, permítese “a asistencia grupal, pero non masiva, aos templos sen superar o terzo do aforo (30%) con eucaristías dominicais e diarias”, mentres que na fase 2, a partir do 25 de maio, “se a evolución da pandemia o permite, poderase ampliar aforo á metade da capacidade do tempo (50%)”, segundo a diócese.

Finalmente, na fase 3, avanzarase “na normalidade da vida pastoral ordinaria, sempre tendo en conta as medidas necesarias ata que haxa unha solución médica á enfermidade”.

Tamén haberá cambios na organización dos templos e das celebracións. Por exemplo, á entrada organizarase á distribución dos fieis no seu interior e haberá xel hidroalcohólico ou outro desinfectante similar ao entrar e ao saír. Durante  celebración a litúrxica non haberá coros nas parroquias, o saúdo da paz substituírase por outro xesto que evite o contacto directo e o sacerdote celebrante desinfectará as súas mans en varios momentos, entre outras medidas.

Ademais a Diócese de Astorga matiza que, “ata que as autoridades o autoricen, non se permitirán procesións fóra dos templos, nin concentración masivas de fieis por razón de festas (patronais ou sacramentais), novenas, funerais, etc. Non se celebrarán aniversarios, nin funerais comunitarios, nin calquera outro tipo de celebración con máis aforo do permitido”.

E mantense efectiva, polo momento, a suspensión das primeiras comunións e das confimacións ata o primeiro trimestre (de setembro a novembro) do próximo curso pastoral.

Foto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button