ConcellosÚltima hora

A partir do luns cambian os horarios dos buses O Barco-A Gudiña para axustalos co tren a Madrid

Estación de autobuses do Barco./ Foto: A.R.

 

A partir do vindeiro luns os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña modifícanse para axustalos ás horas de paso actuais pola Gudiña dos trens que conectan con Madrid. A redución dos tempos de viaxe dos servizos ferroviarios entre Galicia e Madrid alterou as horas previstas de parada dos trens Alvia nas estacións galegas. Así, na Gudiña, esta variación afectou á coordinación cos servizos de autobús interurbano de titularidade da Xunta que unen a dita localidade co Barco de Valdeorras.

“Para garantir que se manteñan enlaces con esperas reducidas, a Xunta atrasa o horario do servizo que permite coller o primeiro tren da mañá con destino a Madrid, que agora pasa máis tarde, creando ademais unha nova expedición para atender os usuarios que chegan no tren de regreso a media tarde”, aseguran dende a Xunta de Galicia.

Con estes axustes, os veciños da zona disporán dun autobús con saída do Barco de Valdeorras ás 6,50 horas adaptado ao tren que pasa pola Gudiña ás 8,24 horas. Pola tarde, coordinaranse os horarios co tren que chega á Gudiña arredor das 17,40 horas, saíndo o novo autobús ás 18 horas con destino ao Barco de Valdeorras.

A Consellería de Infraestrutura incorpora estas dúas posibilidades de enlace á oferta do Plan de Transporte Público de Galicia, atendendo a petición dos Concellos da comarca de Valdeorras.

A demanda actual existente no servizo que sae da Gudiña ás 19,00 horas cara a Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras, empregado habitualmente por máis viaxeiros que os que procedían do tren, motiva o seu mantemento sen variacións a pesar do adianto da chegada do Alvia.

Por outra banda, a Xunta insta a Renfe a facilitar tamén a intermodalidade entre os servizos de tren e o autobús tamén no rural, pois os esforzos no fomento da mobilidade sostible non deben centrarse unicamente nas cidades.

Así, coa previsión da entrada en servizo da liña de alta velocidade en decembro, a Xunta solicita ao operador ferroviario que informe debidamente dos horarios nas estacións galegas para proceder á coordinación cos servizos de autobús.

Artigos relacionados

Back to top button