EditorialOpinión

A pel da lousa, nun novo produto

Malia ás dificultades en infraestruturas e a lonxanía dos centros de investigación, no Barco faise I+D+i o que permite sacar un novo produto (Lisa) ao mercado internacional. Éxitos!

Tradición e innovación. Son dous conceptos que se funden no novo produto que vén a poñer no mercado unha empresa valdeorresa, que parte da lousa como materia prima, pero cunha concepción totalmente revolucionaria. Trátase dunha lámina de lousa flexible, comercializada baixo a marca Lisa e cuxas características e versatilidade están a sorprender no sector do interiorismo e da decoración. Prodúcea dende hai uns meses Pizarras Leads SL. “Descubrimos que non fai falta renunciar ao tacto da lousa facéndoa tan fina, que se pode cortar cun cutter e xa non fai falta deseñar complexas estruturas para soportar un peso de toneladas”, din dende esta empresa valdeorresa, instalada no polígono industrial do Barco.

Ao redor deste novidoso produto xira o tema de En Portada co que abrimos a edición de abril do Periódio O SIL. Nas súas páxinas tamén nos achegamos á realidade dun dos poucos concellos galegos nos que goberna a formación política Compromiso por Galicia (CxG): Vilar de Santos. Mantemos unha entrevista co seu alcalde, Xan Jardón, na que fai balance desta lexislatura municipal, que está xa na súa recta final, valora a nova lei da Administración Local e incide nunha reclamación que fixo este Concello contra unha compañía eléctrica por facturación indebida en materia de consumo no alumeado público.

Tamén nos achegamos neste número ao labor que desenvolve o Equipo de Rescate de Montaña da Garda Civil de Trives, o único que existe na comunidade galega. Actúa en zonas de montaña e lugares de difícil acceso, prestando auxilio a persoas accidentadas, perdidas ou illadas.

Entramos asemade no sector da agro ourensán a través dunhas páxinas especiais nas que damos conta da actualidade do sector vitivinícola da Galicia interior, que prepara feiras do viño como as de Quiroga e Amandi (Ribeira Sacra lucense) ou como a do Ribeiro. Tamén tocamos o mundo da apicultura e o da castaña, tendo en conta a xuntanza dos representantes deste sector galego que tiña lugar en Viana do Bolo a finais de marzo.

E tampouco nos esquecemos das principais citas festivas deste mes de abril, entre elas a da Semana Santa, á que lle adicamos un monográfico. Celebracións de referencia serán asemade a Festa da Vitela e a Ruta dos fornos de Celavente (ambas no Bolo), o San Xurxo en Vilamartín, a Fuliada da Mourela pa’cá en Manzaneda ou a Virxe da Encarnación en Sobradelo, entre outras.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button