En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A penúltima proba da Liga Galega da Moto de Campo 2018/ 2019 celébrase na Rúa

En torno aos 150 endureiros participaron este domingo, 2 de xuño, no I Memorial Anxo de Sousa

En memoria dun gran afeccionado ás motos falecido hai uns anos tras unha longa enfermidade, e como unha das últimas probas da Liga Galega da Moto de Campo nesta tempada, se celebraba esta fin de semana o I Memorial Anxo de Sousa de Enduro-Liga Cafés Candelas organizado pola Asociación Sociocultural San Cristóbal e Rúa Motor, en colaboración coa LGMC e o Concello da Rúa.

A proba, na que participaron uns 150 endureiros chegados dende diferentes partes de España e Portugal, entre eles varios valdeorreses (Diego Teixeira e elite 4t; Jorge Paradelo e Roberto Conde en elite 2t; Carlos Salas en E1,…), desenvolvíase na xornada do domingo, pero a “festa do enduro” como a calificou Javier Quintas (Liga Galega da Moto de Campo), comezaba xa o sábado pola noite cunha cea para os participantes e unha primeira toma de contacto co espazo elixido para o evento: O Aguillón.

 

Un dos participantes no enduro, nunha das especiais.

 

Nese punto, a carón do Encoro de San Martiño, a organización con Ramiro Folla á cabeza, colocaría as dúas especiais xuntas, rápidas e sobre terra e herba (unha delas con obstáculos artificiais para dar maior espectáculo), a carón do parque pechado, nun incomparable marco que fixo as delicias dos participantes e do público. As dúas cronos formaron parte da competición que se completaba co circuíto polos montes da Rúa, pasando por Fontei, o Barranco Rubio xunto ao monumento adicado a Anxo (a súa nai repartiu bocadillos e refrescos), Vilela, San Xulián e Somoza para regresar de novo xunto ao pavillón de deportes.

Esta é a primeira vez que a área recreativa da Rúa acolle un campionato de Enduro, contando co apoio de moitas casas comerciais e veciños para a súa celebración. Houbo trofeos para as 15 categorías e sorteo de agasallos.

 

Os organizadores, Ramiro Folla (Rúa Motor) e Javier Quintas (Liga Galega da Moto de Campo).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button