ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“A Pequena”, con pregón de Ignacio Candal e homenaxe aos coveiros, antesala da Festa das Covas de Vilamartín

Os homenaxeados este ano foron Francisco Quintas e Luis Estévez

A mini ruta, ou tamén coñecida como “A pequena”, e o homenaxe aos coveiros, fixeron de previa á Festa das Covas de Vilamartín, que terá lugar mañá, día 3 de agosto, a partires das 20:30 horas.

 

O encargado do pregón, Ignacio Candal.

 

O pregón, este ano a cargo do maxistrado e profesor de universidade, Ignacio Candal, comezaba pasadas as oito e media da tarde. O seu discurso comezaba con palabras de agradecemento aos coveiros, “é un orgullo facer o pregón”, afirmaba.

Así, explicaba que o tema deste discurso non ía ter que ver coa súa profesión, senón co viño e os seus traballos correspondentes, e co seu Vilamartín natal. “Todo comeza co enxerto”, afirmaba á vez que recordaba que Vilamartín era a vila do enxerto anos atrás. Ademais, as súas palabras tamén fixeron alusión ás covas como lugar tradicional e citou versos de Rosalía de Castro.

 

Un dos coveiros homenaxeados, Francisco Quintas.

 

“Non debemos perder as nosas tradicións, bebamos viño, comamos pan e vivamos en harmonía; a maioría dos problemas soluciónanse falando, e se é cun vaso de viño adiante, soluncionaranse mellor e antes. Vivamos e bebamos nas nosas covas e que viva Vilamartín”, concluía.

O pregón de Ignacio Candal daba paso aos coveiros homenaxeados, os cales este ano foron Francisco Quintas, e Luis Estévez “O Piriñó”. Ademais, tamén se lle entregaba o premio a mellor cartel a Álvaro Purré. A continuación, a gastronomía, o viño e a música inundaban esta mini ruta a cargo dun conxunto de gaitas, un grupo trivés de cantos de taberna, e un DJ.

 

Outro dos coveiros homenaxeados, Luis Estevez “O Piriñó”.

Texto: Alba Prada

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button