En portadaÚltima hora

A percepción veciñal da presenza do oso na Serra do Courel, analizada nun estudo

Forma parte do proxecto Life Oso Courel e está a realizarse nos concellos de Quiroga, Folgoso, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos e As Nogais

Oso cantábrico./ Foto: Fundación Oso Pardo.

 

Coñecer como se percibe e valora a presenza do oso pardo na Serra do Courel. Con este obxectivo o proxecto Life Oso Courel, que leva máis de tres anos realizando actuacións para favorecer a expansión deste mamífero nesta zona lucense, está a realizar un estudo de opinión entre as poboacións de seis concellos: Quiroga, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Samos e Triacastela. Poñíase en marcha en febreiro e prevese o seu remate para o mes de abril.

“O proxeto Life Oso Courel traballa, entre outras cuestións, na prevención de posibles conflitos de convivencia pola volta do oso a este territorio, no que estivera hai máis de 100 anos e no que desapereceu. Agora está volvendo, pouco a pouco, e trátase de anticiparse, de previr e solucionar conflitos de convivencia entre as poboacións humanas e o oso. Con este estudo de opinión queremos ver o impacto que tivo o proxecto no Courel, se realmente mellorou a opinión que podía ter a poboación local sobre o oso ou se aínda queda traballo por facer, ademais de coñecer a súa valoración do proxecto”, comenta a enxeñeira de montes Beatriz Rodríguez-Morales, encargada de realizar a enquisa.

Calquera pode contestar a este cuestionario (ao que pode accederse ao longo do mes de marzo na ligazón https://bit.ly/3sv4yjq), se ben nel incídese de xeito especial no sector primario, nas persoas que desenvolven actividades apícolas, gandeiras, ademais de no sector turístico, na caza, etc. Búscase coñecer cal está sendo o impacto na zona da presenza do oso e tamén das medidas existentes para compensar os efectos da mesma, como por exemplo, os ataques aos colmeares.

“Estamos interesados en falar con toda a poboación local, en que haxa a maior representación posible, tanto por idades como de homes e mulleres; se ben estamos poñendo énfase no gremio dos apicultores xa que o oso é moi goloso e ataca ás colmeas, entón estes produtores atópanse con que lles destroza as colmeas e teñen danos. Para isto tamén a Fundación Oso Pardo estivo repartindo pastores eléctricos e, por outra banda, está a liña de compensacións da Xunta de Galicia por este tipo de danos. Ademais interésanos saber cal é a opinión dos gandeiros, dos cazadores, e da xente do sector da hostalaría e do turismo, para ver como lles inflúe na súa actividade que veña o oso, que estea no territorio”, comenta Beatriz Rodríguez-Morales.

 

Pegada de oso pardo./ Foto: Fundación Oso Pardo.

 

E non se trata só de recabar opinións positivas,”senón de que todo o mundo dea a súa opinión, para ter unha visión realista do que está acontecendo. Por iso animamos á xente a participar para que aporte o seu punto de vista, estea a favor, en contra ou cos matices que queira indicar”, engade a entrevistadora.

Este estudo de opinión estase a realizar de tres formas diferentes, tendo en conta as limitacións que supón para este tipo de traballos a situación sanitaria actual: de forma presencial, telefónica e online. A enquisa está estruturada en varias partes, a primeira das cales está dedicada ao perfil socioeconómico do entrevistado, despois hai preguntas de opinión en xeral sobre o oso e o coñecemento arredor deste animal, para logo dar paso a apartados específicos dos sectores xa citados, como o da apicultura.

Beatriz Rodríguez-Morales destaca a boa acollida que está a ter a iniciativa entre a poboación dos seis concellos citados. “Todo o mundo está sendo moi amable, á xente gústalle sentirse escoitada e que se vaia ter en conta a súa opinión, cousa que me parece importantísimo que se faga”.

O proxecto Life Oso Courel

En xullo de 2017 cobraba vida o proxecto Life Oso Courel “Actuacións para favorecer a expansión do oso pardo a novos territorios na Serra do Courel (Galicia)”. Dende entón estase a desenvolver baixo a coordinación da Fundación Oso Pardo, xunto coa Asociación Galega de Custodia do Territorio e da Xunta, como beneficiarios asociados. Inicialmente a duración desta iniciativa era de tres anos, pero logrouse unha prórroga e continuará ata finais do vindeiro mes de abril.

“Trátase de compatibilizar as actividades humanas coa presenza do oso no Courel”, explica Óscar Rivas, técnico de Life Oso Courel. Nese senso, téñense realizado diferentes actuacións como o reparto de pastores eléctricos e dalgún material para que os apicultores poidan protexer as súas colmeas do oso, colaboración con outros axentes do territorio como os cazadores, plantacións de especies produtoras de froito, ademais de diferentes accións divulgativas para que os veciños vexan que “é posible esa convivencia coa especie, que conservar a natureza é posible e pode ser tamén un pequeno factor de desenvolvemento que axude a manter O Courel”.

 

Unha das actuacións desenvolvidas pola Fundación Oso Pardo para mellorar o hábitat desta especie./ Foto: Fundación Oso Pardo.

 

Novas zonas de expansión do oso

Este non é o primeiro proxecto de conservación relacionado co oso que se leva a cabo en Galicia. Anteriormente xa houbo outro nos Ancares, e tendo en conta que a presenza deste mamífero se está notando tamén en zonas próximas como Valdeorras, non se descarta nun futuro a posibilidade de levar a cabo outras iniciativas. “En Galicia hai unha zona potencial para o oso que excede a parte de Ancares-Courel, con zonas de expansión que son moi interesantes, pero o oso ten os seus tempos, é un proceso lento”, comenta Óscar Rivas.

Ademais este técnico amosa o interese da Fundación Oso Pardo por achegarse a esas outras zonas para recabar datos ou ofrecer información ás persoas interesadas, por exemplo, aos apicultores. “A nosa liña de traballo, máis alá dos proxectos que temos é intentar acudir e traballar tamén nesas zonas onde hai inquietude, onde está empezando a entrar o oso de novo”, destaca.

Máis información:
https://fundacionosopardo.org/proyecto-life-oso-courel/

Artigos relacionados

Back to top button