PolíticaÚltima hora

A petición de recoñecemento para o Camiño de Inverno, no Congreso

O PSOE vén de presentar unha proposición non de lei para pedir que esta ruta a Santiago sexa declarada oficialmente como xacobea
As deputadas socialistas Margarita P. Herráiz e Laura Seara, co alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.
As deputadas socialistas Margarita P. Herráiz e Laura Seara, co alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Levamos moito tempo esperando o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e cremos que non hai máis excusas. Non entendemos por qué a Xunta de Galicia a día de hoxe non o ten feito, cando en febreiro se anunciou que se recoñecería antes de que rematase o ano 2014. Só lles quedan 50 días”. Así de rotunda se manifestaba a deputada socialista Laura Seara ao referirse a unha antiga demanda das zonas de Valdeorras, Ribeira Sacra e do Deza, polas que discurre este antigo itinerario a Santiago.

Seara facía estas declaracións o 6 de novembro no decurso dunha rolda de prensa no Barco, xunto ao alcalde deste concello ourensán, Alfredo García, e á tamén deputada socialista Margarita P. Herráiz. Nela dábase a coñecer unha proposición non de lei sobre o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno que se presentaba a finais de outubro no Congreso dos deputados para o seu debate en comisión. No texto pídese que o Congreso “inste ao Goberno, conxuntamente coa Xunta de Galicia: a levar a cabo as accións necesarias de recoñecemento, posta en valor, divulgación e difusión do Camiño de Inverno a Santiago e a apoiar a recuperación dos bens patrimoniais polos que pasa” esta ruta.

Laura Seara, durante a rolda de prensa no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.
Laura Seara, durante a rolda de prensa no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

“O que pedimos é o recoñecemento, sinalización, difusión e posta en valor deste camiño”, destaba Seara. Ademais incidía en que “fai falta vontade política para recoñecer o camiño”, xa que son moitas as razóns históricas, patrimoniais e mesmo socioeconómicas que existen para dar ese paso. “Isto sería un pulo tremendamente importante para as comarcas polas que pasa”, engadía.

Margarita P. Herráiz tamén apuntaba que “temos un retraso máis que importante no cumprimento do que xa está aprobado no Parlamento galego” e aludía ao interesante que pode ser o recurso do camiño para as comarcas do interior das provincias de Lugo e Ourense, especialmente afectadas pola despoboación e o envellecemento. “Para loitar contra iso son importantes iniciativas coma éstas, ter un movemento económico axudaría a que a xente permanecese nestes concellos”, dicía.

O alcalde do Barco, un dos concellos polos que atravesa este camiño, resaltaba tamén o potencial deste itinerario xacobeo. “É unha necesidade para o desenvolvemento turístico do Bierzo, Valdeorras, Chantada, O Deza… Sería algo moi positivo para todos”.

Artigos relacionados

Back to top button