CulturaCulturaÚltima hora

A peza “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira” convírtese en libro

Esta obra, escrita por Gustavo Docampo e representada en tres ocasións nas rúas barquenses por Gargallada Teatro, será editada por Positivas e contará con ilustracións de Mauro Docampo

 

Imaxe da capa do libro.

 

As rúas do casco antigo barquense e de Viloira eran escenarios o pasado 16 de setembro dunha nova función de “Polos camiños do tempo. Percorrido teatral pola historia do Barco e Viloira”, baixo a dirección de José Luís García Alejandre “Alex” e coa produción do Concello do Barco de Valdeorras. Esta peza, escrita por Gustavo Docampo e representada por Gargallada Teatro, convertirase en breve en libro.

“Polos camiños do tempo” erá o cuarto título da colección DiTeatro de Positivas, unha aposta da editorial compostelá para a difusión dos textos teatrais, como invitación ao público para que lea a obra tras velo representada. Sairá de imprenta o 5 de outubro e conta coa colaboración do Concello do Barco e da Xunta de Galicia.

A través de sete escenas e co río como fío condutor, coma se dun personaxe máis se tratase, Docampo, técnico de Cultura do Barco, propón unha viaxe por episodios reais ou imaxinados da historia local. Pola obra pasan as lendas e a alma popular apegada ás tradicións, as diferenzas sociais e as disputas políticas, o caciquismo, a corrupción, o agromar do capitalismo e a empresa moderna, o espírito científico, o pensamento libre, a música popular ou a literatura. Todo iso e moito máis nas voces de homes e mulleres que pasaron á historia por unha ou outra razón, circunstancia que o lector poderá axuizar se sente curiosidade e quere facelo.

 

Unha das ilustracións que se incluirán no libro, realizadas por Mauro Docampo.

 

 

Será un volume de 70 páxinas que incluirá ademais sete ilustracións de Mauro Docampo Gacio nas que sintetiza cada unha das escenas, caracterizando aos personaxes e situándoos no contexto da representación con grande expresividade e sentido do humor. Na capa reprodúcese unha fotografía anónima de 1889 da ponte de San Fernando en construción, unha das historias ás que se alude no texto.

Artigos relacionados

Back to top button