CulturaMúsicaÚltima hora

A pianista Sara Marianovich impartirá un curso internacional no Barco

As sesións formativas terán lugar no Teatro Lauro Olmo entre o 27 e o 31 de xullo
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta e a pianista, Sara Marianovich na presentación co curso. /Foto: Mónica G. Bellver
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta e a pianista, Sara Marianovich na presentación co curso. /Foto: Mónica G. Bellver

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, acollerá entre o 27 e o 31 de xullo, o I Curso Internacional de Interpretación Musical, impartido pola pianista Sara Marianovich.

O curso celebrarase en horario de 16 a 22 h, está aberto a alumnos e profesionais de calquera nacionalidade sen límite de idade e existen tres modalidades: como alumno activo, que darán clases individuais de piano; como oínte, na que se pode apuntar calquera alumno ou profesional, de piano ou calquera outro instrumento; e tamén haberá un obradoiro de preparación psicofísica para as actuacións en público, “importante non só para os músicos senón para xente con profesións que requiren actuar en público ou en calquera faceta da vida, entrevistas, concursos… Como dominar nervios, emocións e demais” explicou a propia Sara na presentación do curso que tiña lugar na mañá do 8 de xullo, xunto á concelleira de Educación e Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

Para participar en calquera das tres modalidades hai que enviar a solicitude de inscribión ao correo electrónico: saramusicart@gmail.com, antes do 17 de xullo para alumnos activos que serán admitidos en función da chegada das solicitudes, porque non haberá audicións. Para os alumnos activos o máximo de prazas son 10 (xa hai matriculados 5, de Valdeorras, Monforte, Santiago e Ourense), no caso dos oíntes ata completar o aforo.

Ademais, o 26 de xullo en torno ás 21h. haberá un concerto inaugural no mesmo teatro (a entrada custará 10 euros para o público xeral, gratis para os alumnos do Conservatorio do Barco); e outro de clausura o día 31 “no que inservirán os alumnos máis destacados do curso, que será aberto ao público, seguido do acto de entrega de diplomas” di Sara, asegurando que lle fai “moita ilusión organizar actividades no Barco porque a miña idea cando cheguei era non só enriquecer a oferta cultural, artística e educativa na comarca senón tamén impulsar o turismo e o desenvolvemento económico para que se leve o nome do Barco por España e tamén por outros países”.

O prezo do curso é de 220 euros para os alumnos activos de fóra, e de 150 para os alumnos do Conservatorio do Barco; de 100 euros para os oíntes de fóra, gratis para os do Conservatorio; e de 60 euros para o obradoiro. Opterán diploma no caso do curso tanto activo como oínte, e un certificado de asistencia os do obradoiro.

Artigos relacionados

Back to top button