Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A pintura do barquense Jesús Díaz regresa ao Liceo de Ourense

Nesta sala expoñía o creador valdeorrés por vez primeira en 1945, apadriñado daquela por Vicente Risco

Despois de 74 anos, a obra pictórica de Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922 – Concud. Teruel, 2017) regresa ao Liceo de Ourense. Na tarde do 5 de abril inaugurábase a exposición “Crónica de Maio. París 1968”, formada por 55 obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro, coas que o artista, que vivía naquela altura na capital francesa retratou ese momento histórico.

Deste xeito conclúe na cidade da Ourense a itinerancia dunha mostra que comezaba hai un ano no Barco e que a levou por Santiago, Muros, A Coruña, Monforte e Allariz. Este peche en Ourense é moi especial xa que a pintura de Díaz Ferrer reencóntrase coa sala na que expoñía por primeira vez en 1945, apadriñado por Vicente Risco. Nesta ocasión a mostra chega promovida a través da Asociación Amigos da República de Ourense.

O acto inaugural do pasado venres contaba coa asistencia do presidente da Asociación Amigos da República de Ourense, coa viúva de Díaz Ferrer, Micheline Langlois, e co curador da exposición e estudoso da obra deste pintor, o historiador da arte barquense Luís Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”. Esta proposta expositiva poderá visitarse na cidade das Burgas ata o 30 de abril.

“Crónica de Maio. París 1068” é unha exposición producida polo Concello do Barco coincidindo co 50 aniversario deses acontecementos para dar a coñecer a este artista polifacético e de intensa traxectoria que deixou O Barco aos 17 anos. Viviu en Madrid e París, participando nos movementos de vangarda que impregnan as súas creacións, ata o ano 1981 que regresa a España para instalarse en Teruel.

Fotos cedidas por Luís Enrique Rodríguez “Coquixo”.

Artigos relacionados

Back to top button