OurenseÚltima hora

A pintura rupestre esquemática e as paisaxes do noroeste peninsular

A arqueóloga Beatriz Comendador impartirá unha conferencia mañá no Ateneo de Ourense sobre este tipo de arte, da que se descubría o maior conxunto galego en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

No noroeste peninsular coñécense na actualidade máis de medio cento de lugares con mostras de pintura esquemática rupestre. Deles, pero sobre todo da intervención no Penedo Gordo ou Penedo da Moura de Vilardevós falará a arqueóloga da Universidade de Vigo Beatriz Comendador na conferencia que impartirá mañá venres 29 de marzo ás 20h. no Ateneo de Ourense.

O seu relatorio levará por título Pintura rupestre esquemática e as paisaxes marcadas do noroeste peninsular e nel dará a coñecer os resultados da actuación arqueolóxica no Penedo Gordo, que ela mesma dirixía. Ademais a arqueóloga amosará “un panorama integrado destes achados, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre da totalidade do noroeste peninsular”.

A busca destas pinturas pola parte suroriental de Galicia, apunta Comendador, comezou hai máis dunha década, seguindo “a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega na raia sur ou o núcleo de Bierzo, polo Sil”. Finalmente, detalla, dous descubrimentos casuais no ano 2017, viñeron a confirmar o potencial, aparecendo primeiro pintura na Cova da Fontaneira (Baleira, Lugo) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), aos que se engade recentemente a descuberta dun conxunto en Casaio (Valdeorras, Ourense) por parte do equipo de investigadores de Sputnik Labrego.

Artigos relacionados

Back to top button