DeportesÚltima hora

A pista cuberta de Ourense acolle este domingo o XXXIV campionato de Galicia absoluto e sub 23

Ao longo da xornada sucederanse as competicións de salto de altura, lonxitude, triplo, con pértiga, lanzamento de peso, carreiras de 60m lisos e valados, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000m
Presentación do campionato de atletismo en pista cuberta, en Ourense.

A cidade de Ourense reunirá este domingo 20 de xaneiro a atletas de toda a comunidade coa disputa do XXXIV Campionato de Galicia Absoluto e Sub23 en Pista Cuberta.

O alcalde de Ourense Jesús Vázquez, o concelleiro de Deportes Mario Guede, o vicepresidente Deputación Rosendo Fernández, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo Eladio Gómez e o delegado en Ourense Ángel Fidalgo, e a interventora de Expourense Cristina Álvarez, participaron na presentación da proba, que terá lugar na pista cuberta de Expourense, en xornada de mañá e tarde.

“A cidade de Ourense volve ser escenario por segundo ano consecutivo da gran festa do atletismo na nosa comunidade autónoma”, salientou o alcalde convidando á poboación a que se acheguen a presenciar esta competición, “pois sei que só quen o ten probado sabe que fermoso, apaxionante e espectacular resulta asistir a unha exhibición colectiva, como esta, de talento e competitividade en tan diferentes especialidades”. O rexedor destacou que a celebración desta proba vén confirmar que a pista cuberta de Ourense “se consolida como unha pista de referencia nun breve espazo de tempo”, sendo “unha das tres máis importantes de España, na súa categoría, e entre as mellores a nivel mundial”. Neste sentido sinalou que esperan recibir a unhas 1.400 persoas con motivo desta competición, entre atletas e acompañantes.

En ocasións de xeito simultáneo, ao longo da xornada sucederanse as competicións de salto de altura, de lonxitude, triplo, con pértiga, lanzamento de peso, carreiras de 60 metros lisos e vallas, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000. Trátase da competición máis importante a nivel autonómico que se disputa anualmente en pista cuberta, e nela que participará a máis completa escolma de atletas de Galicia nas modalidades de carreiras, saltos e lanzamentos. Nesta edición o campionato está incluído no calendario nacional da Real Federación Española de Atletismo, o que habilita a participación de atletas do resto de España e doutras nacionalidades sempre que teñan un nivel deportivo acreditado cunha marca superior a 900 puntos por táboa IAAF, da Asociación internacional de federacións de atletismo.

Artigos relacionados

Back to top button