DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A pista de Vilanova súmase ás infraestruturas deportivas do Barco de Valdeorras

Dende o Concello esperan organizar proximamente algún torneo para darlle uso á instalación

Baloncesto, fútbol ou balón man. Son os principais deportes que se poden practicar na recentemente rematada pista polideportiva coa que conta Vilanova (O Barco de Valdeorras). Unha pista de máis de 500 metros cadrados cuxa historia se remonta tempo atrás, alá polo ano 2010, cando a Consellería do Medio Rural se comprometía a facela despois de que o pobo cedese os terreos acondicionados como heliporto.

O tempo pasou e a pista non se facía ata que anos despois e trala insistencia por parte do Concello barquense, especialmente por parte do concelleiro do Medio Rural Jesús Jares, chegábase a un acordo. Mais nese momento a aprobación da nova Lei do Solo de Galicia pasaba este terreno a rústico obrigando a retranquear os muros uns tres metros e realizar un aparcamento, polo que a pista sería demasiado pequena. O Concello buscaba entón unha alternativa a carón das escolas, pagando as expropiacións e redactando o proxecto “pero Medio Rural desentendeuse do tema, pasándollo á Secretaría Xeral para o Deporte, e finalmente quen executou a obra foi a Deputación de Ourense”, apunta Jesús Jares.

Sexa como for, o caso é que a pista fíxose por fin e hoxe é utilizada por mozos de Vilanova e doutros puntos do municipio. Ademais, a idea de cara ao futuro “é facer algún torneo en colaboración coa concellería de Deportes, como por exemplo o Barco Básquet que se facía antes. Non sabemos o que pero Aurentino e eu xa falamos e algo prepararemos”, conclúe Jares.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button