OurenseÚltima hora

“A planificación urbanística é a ferramenta máis propicia para protexer o patrimonio cultural, e con el, o arqueolóxico”

O arqueólogo José María Eguileta vén de ingresar como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes

 

O arqueólogo José María Eguileta Franco (Pontevedra, 1959), arqueólogo do Concello de Ourense, pronunciaba hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico numerario da Sección de Museoloxía e Arqueoloxía, titulado “Planificación urbanística, arqueoloxía, protección e investigación no Concello de Ourense”. O acto, que se celebrou esta mañá no Paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, estivo presidido polo titular da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.

Emocionado polo momento, José María Eguileta comezou cunhas palabras de agradecemento para a RAGBA polo seu nomeamento, e lembrou ao académico de Arqueoloxía da entidade, Fernando Acuña, finado en 2016, que foi o seu profesor e director da tese de licenciatura.Tras ter escollido persoalmente o enclave para este acto solemne, Eguileta recoñeceu a honra que supón protagonizar esta recepción no IES Otero Pedrayo, inaugurado en 1896 e ao que asistiron célebres alumnos como Florentino Cuevillas, o máis brillante arqueólogo e prehistoriador de Ourense e Galicia, Vicente Risco ou o mesmo Ramón Otero Pedrayo, o “cenáculo ourensán da Xeración Nós”, así como profesores da valía de Marcelo Macías.

Lembrou que este espazo naceu como Centro Provisional de Instrución e ao pouco tempo foi sede da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense desde onde traballaron investigadores de renome da época e mesmo se creou o Museo Arqueológico, como aínda se pode ler na actualidade cunhas letras vermellas na fachada.

Como apunte persoal, Eguileta compartiu cos asistentes unha anécdota da súa infancia, cando se debatía, con certas dúbidas, sobre o seu futuro profesional. Barallou varias opcións: mariño e capitán de barco, xornalista e arqueólogo. E confesou que, grazas ao seu mestre Xaquín Lorenzo “Xocas”, e a súas narracións na clase sobre a súa participación en escavacións xunto a Cuevillas, abriu a súa mente a esta ciencia. “Aprendín que o noso pasado formulaba tantos enigmas e cuestións de interese como os lugares que aparecían nos libros clásicos de arqueoloxía”, comentaba.

 

 

Arqueoloxía de xestión

Xa volvendo á actualidade, Eguileta compartiu co auditorio a súa experiencia profesional como arqueólogo da administración, concretamente do Concello de Ourense, onde, segundo as súas propias palabras, realiza unha arqueoloxía de xestión, concretamente unha xestión do territorio como necesidade irrenunciable da humanidade para organizar o espazo habitado, aspecto que lembrou chegou ata os nosos días coa protección do patrimonio arqueolóxico a través de diferentes normativas.

“Ao longo do século XX, a arqueoloxía vaise dotando dun corpo legal bastante sólido. A planificación urbanística é a ferramenta máis propicia para protexer o patrimonio cultural, e con el, o arqueolóxico” –afirmou–. Xurdiron a Ley de Antigüedades Arqueológicas de 1911; a Ley del Teroro Artístico Nacional de 1933; a Ley del Suelo de 1975 onde se protexían os valores culturais do territorio, aínda que sen atender aos xacementos; ou a Ley de Patrimonio Histórico Español de 1985, na que se protexían os xacementos e introducía o concepto de zona arqueolóxica. Concretamente, Eguileta destacou que o Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) de Ourense de 1986 contaba un catálogo de xacementos no rural e outro de “lugares históricos” urbanos. Neste mesmo ano tamén se crearon as “Comisións Territoriais do Patrimonio Histórico Galego” por provincias onde os arqueólogos da Administración autonómica formaban parte delas.

Un paso importante da arqueoloxía na planificación municipal foi o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do núcleo histórico de Ourense de 1997, que segundo Eguileta foi, sen dúbida, “o maior avance para establecer unha arqueoloxía programada na zona histórica”. Esta norma deu orixe en 2008 ao actual Departamento de Arqueoloxía do municipio. Máis adiante, engadiu que entrou en vigor en Ourense o catálogo arqueolóxico do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2003, hoxe en vigor, no que se protexen os xacementos ante as obras que os poidan afectar

 

 

Da urxencia á prevención para alcanzar a consolidación da arqueoloxía urbana

Centrado xa na arqueoloxía do espazo urbano, na que se trata un extenso xacemento habitado, o arqueólogo analizou a estratexia de traballo que seguiu no Concello de Ourense, coa busca analítica de datos sobre as distintas etapas do pasado da cidade, e as funcións que el considera debe ter a arqueoloxía municipal baixo o paraugas protector que outorga a planificación urbanística: a protección coordinada entre a administración local e a autonómica; ser un “engranaxe intermedio”; a proximidade cos contextos arqueolóxicos; propiciar a consolidación da “arqueoloxía preventiva”; contribuír ao fin da arqueoloxía de urxencia; e fomentar á aparición da “arqueoloxía urbana”.

Un referente na práctica arqueolóxica urbana da Auria

O novo membro de número foi contestado en nome da Academia polo numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía e secretario da institución, Felipe- Senén López Gómez. Asistiron tamén ao evento o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea Bouzo; o asesor do Concello de Ourense, Eloy Mojón; o deputado do PP Carlos Gómez Salgado; Pepe Araújo, Flora Moure e Luis Seara dos grupos municipais de Ciudadanos, PP e BNG, respectivamente; o académico da Real Academia Galega, Alfonso Vázquez Monxardín; a secretaria do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elvira Carregado; o director da UNED-Ourense, Jesús Manuel García Díaz; e Celia Pereira Porto, Antonio Blanco Rodríguez, Luís Martínez-Risco Daviña, e Xosé Rodríguez Díaz, membros da Fundación Risco; ademais doutros académicos da institución e autoridades.

Manuel Quintana Martelo sinalou que é unha satisfacción para a institución que unha persoa da súa relevancia, tanto académica como profesional, ingrese na Academia tras ser elixido xa anteriormente académico correspondente, en maio de 2015, e demostrar a súa actitude de colaboración e traballo. “O seu currículo é tan extenso como extensos poden ser o conxunto dos seus méritos que o fan merecedor, sen dúbida, para entrar a formar parte da nosa institución. En nome do pleno académico douche a máis sincera benvida co convencemento que a túa aportación á nosa academia será frutífera e necesaria” –engadiu–.

No seu discurso de contestación, o académico Felipe Senén-López pronunciou unhas emocionadas verbas sobre o pasado do instituto Otero Pedrayo, no que el tamén foi alumno de bacharelato. Tras unha fermosa introdución histórica, Senén-López eloxiou a experiencia pioneira de José María Eguileta en Galicia ao traballar na arqueoloxía desde o eido local de Ourense. “Bo coñecedor, especialista, profesor en cursos e másters, en canto significa a xestión e innovación arqueolóxica nos seus diferentes eidos de traballo, en especial na administración local, a súa articulación cos diferentes poderes. Arqueólogo que quere ir máis alá dos tópicos da arqueoloxía de campo, retirar esas orelleiras que unicamente nos presentan aos arqueólogos removendo terra, analizando estratos, estruturas e artefactos” –subliñou–.

Felipe Senén-López incidiu na entrada de Eguileta nos eidos da arqueoloxía da xestión a través da súa experiencia no Concello de Ourense, “todo un aporte exemplar e innovador”, válido para todos os concellos e máis sobre os que se asenta unha longa historia. “A súa obra arqueolóxica é un referente e ben sabemos as dificultades que se atopan entre tantos departamentos implicados. Tardanza en determinacións, falta de auxilio que desmoraliza aos propietarios con paralizacións, medos nos seus investimentos, cando son asuntos sempre superables, que poden atopar solución con interacción e axilidade, sen demonizar os departamentos que antes dicían de Bellas Artes como hoxe se di Patrimonio como sinónimo de atranco e desesperante burocratización e negación”, apuntaba.

Fotos: Pili Prol.

Artigos relacionados

Back to top button