SanidadeÚltima hora

A Plataforma Sanitaria de Rubiá pide explicacións pola perda do segundo médico de apoio

Esta entidade vén de remitir unha carta ao responsable da Xerencia de Xestión Integrada ourensá
Imaxe dunha reunión anterior da plataforma en Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende a Plataforma Sanitaria de Rubiá vén de remitirse un escrito ao responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense para pedir explicacións “polas intencións non cumpridas pola súa parte, así como pola eliminación dun facultativo administrativo, casualmente despois da celebración das eleccións municipais”, e tamén preguntan polo “programa de crónicos que se ía implantar no Centro de Saúde de Rubiá coa colaboración dunha enfermeira especialista en medicina familiar e manexo de pacientes crónicos”.

Na misiva da plataforma tamén se di que “non só nos recortan facultativos, senón que recortan ao propio facultativo que aínda temos, prohibindo dende Ourense, dar citas a partires das 12h. porque debe atender labores na residencia de anciáns”.

Sobre o envío desta carta informábase aos asistentes á terceira xuntanza convocada por esta plataforma, o 6 de xullo. Na reunión tamén se informaba da presentación da solicitude de inscrición deste entidade como Asociación O Regueiral no rexistro provincial. “Así mesmo por petición dos participantes, vaise cambiar a ubicación das próximas xuntanzas a un lugar mais céntrico do pobo, inda por concretar, pero que seguramente serán as inmediacións da Casa da Cultura ou o Concello, manténdose a data do primeiro sábado de agosto”, sinalan dende a plataforma.

O Sergas considera “perfectamente equilibrada” a dotación de persoal sanitario do Centro de Saúde de Rubiá

Con respecto á atención que se presta dende o Centro de Saúde de Rubiá, dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense indícase, a través dunha nota de prensa, que nel aténdese “a unha poboación de 995 persoas (a data de hoxe 10 de xullo) estándo seus usuarios perfectamente atendidos por un cadro de persoal composto por un médico, unha enfermeira e un PSX (persoal de servizos xerais)”.

E matízase que “a ratio de pacientes por médico de Rubiá é moi inferior á media galega e provincial -de un médico por cada 1.200 usuarios- polo que tanto por poboación adscrita como por actividade ou consultas, a súa dotación de personal sanitario está perfectamente equilibrada, dacordo cun citerio puramente asistencial que non xustifica o incremento de recursos”.

En tanto ao horario de atención ao público, o Sergas asegura que “non conta con limitación algunha, respondendo a organización da consulta ao criterio médico e de atención ao paciente crónico e pluripatolóxico”.

Artigos relacionados

Back to top button