SanidadeÚltima hora

A plataforma tecnolóxica CRM 100, no Centro de Saúde Valle-Inclán de Ourense

Desde a súa posta en marcha, o pasado 1 de decembro, recibiu máis de 6.400 chamadas, cun tempo medio de resposta inferior aos 34 minutos

 

Esta mañá o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, visitaba o Centro de saúde Valle-Inclán, en Ourense, no que está instalada a plataforma tecnolóxica CRM100, o sistema de xestión da relación co paciente. Unha solución innovadora que, no marco do proxecto europeo Código 100, a Consellería de Sanidade puxo en marcha, desde comezos do ano pasado, en 50 centros de saúde de toda Galicia.

Tal e como salientou o xerente do Sergas, este aplicativo incorpora un servizo de atención telefónica personalizada. “Permite resolver o 100% das chamadas perdidas nun mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas”. No caso concreto de Valle-Inclán, desde a entrada en funcionamento, o pasado 1 de decembro, este Centro de Saúde recibiu, a través do CRM100, máis de 6.400 chamadas –o que supón unha media de 84 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 34 minutos. O 99% dos casos resólvense no día, unha cifra que desprende os bos resultados destes meses de actividade do sistema no centro.

Acompañado da xefa territorial de Sanidade, Laura López del Castillo; o xerente do Sergas apuntou que a previsión é despregar esta plataforma tecnolóxica, ao longo deste ano, a toda Galicia.

José Flores engadía que este aplicativo permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. “E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde”, apuntou o xerente do Sergas, quen recordou a posición que ten Galicia de referente internacional en innovación no eido sanitario.

E subliñou o papel clave que o sistema CRM100 está a ter na xestión da pandemia. Así, referiuse a que as funcións automáticas que inclúe esta plataforma permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío das enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-Saúde.

Artigos relacionados

Back to top button