En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A poboación do oriente ourensán volve clamar por “unha sanidade digna e de calidade”

Multitude de persoas concentrábanse xunto ao Hospital do Barco para reclamar "a débeda dos responsables sanitarios con esta zona"

 

Unha vez máis a poboación das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo volvía saír á rúa para reclamar “unha sanidade pública e de calidade”. Era o berro reiterado co que se iniciaba a concentración desta tarde fronte ao Hospital de Valdeorras, no Barco, e que ocupaba e cortaba a avenida Conde Fenosa do Barco a partir das oito e media.

Entre os asistentes había veciños, persoal do hospital valdeorrés e tamén diferentes representantes políticos como alcaldes e concelleiros, así como deputados provinciais, ademais dos deputados valdeorreses no Parlamento galego, María G. Albert (BNG) e Eduardo Ojea (PSde-G-PSOE), e do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso.

 

 

O acto, convocado pola Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Valdeorras, continuaba coa lectura dun manifesto ao que poñía voz Silvia Carballo, unha enfemeira do hospital valdeorrés, e no que se lembraba como a situación deste centro comezaba a mudar a partir da perda da área sanitaria de Valdeorras, hai xa 12 anos. Tamén se aludía ás carencias sanitarias que se reclamaban na manifestación celebrada o pasado 28 de novembro, enumerándoas, unha a unha: “A situación dos servizos clínicos asistenciais no noso hospital é desastrosa. Sirvan como exemplo servizos clínicos que antes tiñan 4 profesionais como cirurxía, que hoxe queda reducido a tan só 1 profesional, traumatoloxía que pasou de 3 facultativos a só 1, uroloxía e cardioloxía tiñan praza orzamentada no HPV e fican sen nada. Os servizos de dermatoloxía, medicina preventiva e admisión están desaparecidos. O servizo de rehabilitación tamén está sen facultativos de seu. O servizo de xinecoloxía e obstetricia tampouco está completo, o servizo de radioloxía reduciuse a 2 profesionais e as gardas deste servizo fanse, en grande medida, a distancia. As probas de dixestivo: colonoscopias e gastroscopias, así como boa parte das gardas de especialistas, dependen de que envíen profesionais dende outros hospitais. O servizos de medicina internal, o alicerce máis sólido do HPV quedará reducido á metade do seu cadro de persoal en cuestión de poucos meses; e así, un servizo tras outro e un día tras outro. E, mentres tanto, as nosas listas de espera eternízanse, as nosas enfermidades agrávanse e a xente morre”.

 

 

 

O manifesto da Xunta de Persoal continuaba explicando que a data 30 de xuño “esa falla de especialistas vén sendo a mesma ao igual que o número dos especialistas que están sen cubrir, 20, cunha diferenza, dende aquela o número de efectivos de medicina interna reduciuse a 5”. Tamén se resaltaba que “este distrito sanitario segue á mesma distancia de Ourense, en consecuencia, as consultas e un bo número de intervencións seguen a ir ao hospital de referencia. Os problemas de desprazamentos para os doentes e os seus acompañantes persisten no tempo. A atención sanitaria segua a non ser de proximidade. Seguimos a desprazar aos doentes en vez de procurar que a asistencia sexa de proximidade”.

 

 

Ademais o manifesto dicía que “nestas datas a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, despregou unha serie de iniciativas, entre elas a dotación de material e as obras, todas elas a medio cumprir, xa que as obras, por exemplo, estaban xa orzamentadas con anterioridade e a dotación de material, a día de hoxe, aínda non está no hospital”.

 

 

E incidíase en que “o ninguneo por parte da Xunta de Galicia dos problemas estruturais do hospital non fai que desaparezan, senón que fai que se enquisten e que se degraden máis, se é posible. Os responsables seguen a ter unha débeda co oriente ourensán en materia sanitaria. Esa débeda seguimos a reclamarlla. Xa son moitos anos de demora, moitos anos advertindo de que coa supresión da Área Sanitaria de Valdeorras a calidade asistencia empeoraría, tal e como así aconteceu, desgrazadamente”.

Nese senso, o manifesto aseguraba que “a situación da sanidade no Distrito Sanitario de Valdeorras require dunha atención que a Consellería de Sanidade non está a prestarlle e esa falta de atención está danando seriamente a saúde da poboación. Defender a sanidade pública é defender a nosa saúde e a saúde importa, polo menos a nós, os cidadáns esquecidos polos que teñen a responsabilidade de garantila”.

 

 

“Non podemos desatender a Atención Primaria, estana destrozando”

Deseguido tomaban a palabra dous membros da Xunta de Persoal do HPV, Suso Vilasánchez e Víctor Pariente. Vilasánchez resaltaba que, ademais dos problemas que presenta o hospital, non se pode perder de vista a situación da Atención Primaria neste Distrito, “que vén de moitos anos atrás. Non podemos descoidar a atención primaria porque é a que desconxestiona á hospitalaria e estana destrozando”.

 

 

Finalmente, interviña o presidente da Xunta de Persoal, Víctor Pariente, quen comentaba que o acto deste xoves “pecha 2 meses de concentracións para seguir dicíndolle á Xunta que Valdeorras non esquece o olvido do goberno galego en materia de sanidade con esta zona”. Neste senso, incidía no menosprezo das autoridades cara este distrito sanitario, “é incrible que nos sigan tratando como nós tratan, cando somos unha comarca punteira, industrialmente de referencia e con moita poboación, pero á que se lle presta menos atención que ao resto dos cidadáns de Galicia. A día de hoxe estamos peor que en 1981. É incrible que a cidadanía teña que estar pelexando todos os anos na rúa pola súa sanidade, e que cada día esa sanidade estea peor”.

Pariente agradecía a participación e concluía explicando que a Xunta de Persoal é “a correa de transmisión da xente que ten problemas, e se eses problemas non existisen todos sabemos ben que non estaríamos aquí”.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button