CulturaCulturaÚltima hora

A Pobra de Trives inspira a novela de Maikel Núñez, catalán con ascendencia familiar na comarca trivesa

En "Una oscura sombra del pasado" aparecen ademais lugares como Castro Caldelas, o val do Navea ou a central de Pontenova

Maikel Núñez ten ascendencia familiar e a segunda residencia na Pobra de Trives./ Foto cedida.

 

Aínda que naceu e reside en Barcelona, as orixes e a segunda residencia de Maikel Núñez (Terrasa, 1982) están na Pobra de Trives, en pleno Macizo Central Ourensán, e dos veráns da súa infancia garda recordos que o marcaron de por vida.

Precisamente desas lembranzas e historias de antepasados que viven entre os rueiros da aldea, e que seguen vivindo na memoria dos veciños, nace Una oscura sombra del pasado (Autografía, 2021), a primeira novela deste catalán con ascendencia familiar ourensá, que ten en Galicia o seu retiro espiritual e “o lugar onde cada ano cargo as pilas e descanso do día a día”, asegura.

Maikel studou  Enxeñaría Técnica en Topografía en Barcelona, pero pronto descubriu que a súa verdadeira vocación era o balonmán, que xa dende pequeno practicaba habitualmente, así como o mundo da educación e do deporte, no que traballa actualmente. Un traballo que compaxina coa súa afección pola lectura, devorando libros sobre todo de misterio, aventuras e novela histórica, que o levou a escribir relatos e historias curtas ata que se decide por esta novela de misterio e acción, inspirada na súa benquerida Galicia, “terra de maxia, lendas e tradición”.

 

Portada da novela.

 

Ao longo de case 350 páxinas, Una oscura sombra del pasado, conta a historia de Hugo, un mozo de cidade que volve durante un tempo á vella casa dos seus avós onde se atopa, por casualidade, rebuscando no pasado oculto da súa familia. Que estraño suceso ocorreu no pasado? Que descobre Hugo nos seus antepasados que estivo oculto tanto tempo? Quen é o perigoso personaxe que parece que lle segue os talóns? Son algunha das cuestións que pouco a pouco irá descubrindo o lector.

Ambientada na Galicia rural, concretamente na Pobra de Trives con referencia a outros lugares como Ourense, Castro Caldelas, o val do  Navea ou a central de Pontenovo, a obra debulla o papel de Hugo  para resolver, a contrarreloxo e con axuda dalgúns dos seus amigos da infancia, o misterio que garda a súa familia antes de que un perigoso e estraño personaxe poña en risco a súa vida e a de calquera que se interpoña por diante.

O libro pódese mercar en librarias ou directamente na páxina web da editorial: https://autografia.es/product/una-oscura-sombra-del-pasado/

Artigos relacionados

Back to top button