ConcellosO BarcoÚltima hora

A Policía Nacional detén no Barco a un home con 1,120 kg de cocaína

Na mañá deste xoves 15 de xullo, o detido pasada a Disposición Xudicial, ingresando en prisión

Material incautado pola Policía.

 

O pasado luns 12 de xullo, axentes de policía do Grupo de Estupefacientes da Comisaría Provincial de Ourense, procedían á detención dun varón de 62 anos natural da República Dominicana, como presunto autor dun delito contra a saúde pública no Barco de Valdeorras.

Tal como informan dende a Dirección Xeral da Policía, os feitos remóntanse a principios do mes de xullo, cando o Grupo de Estupefacientes da Comisaría Provincial “tendo coñecemento de que na zona do Barco un home podería dedicarse ao tráfico de drogas como mula”, inicia unha investigación denominada “operación Ferrocarril”. Os axentes determinan que o modus operandi que emprega o investigado “é o uso de transporte público para os desprazamentos ao lugar onde reparten a mercadoría, regresando ao seu domicilio con aproximadamente un quilogramo de substancia estupefaciente, ao parecer, cocaína. Unha vez no seu domicilio procedía á súa distribución aos compradores”, explican.

Así, establécese un dispositivo policial durante varios días na zona do Barco de Valdeorras, localizando ao presunto autor na mañá deste luns na estación de tren, “sendo identificado e realizándolle un cacheo preventivo, onde se lle atopa entre as súas pertenzas dous paquetes de cor negra que conteñen unha substancia de cor branca, ao parecer cocaína, cun peso de 1.120 gramos”. Ante esta situación o home é  detido e trasladado a dependencias policiais para continuar coas xestións oportunas.

No rexistro realizado no domicilio os axentes interveñen unha prensa hidráulica, catro botes de cristal e unha bolsa “contendo substancia de corte cun peso de 2 kilogramos” así como diversa documentación.

Na mañá deste xoves 15 de xullo, o detido pasaba a Disposición Xudicial, ingresando en prisión.

 

Artigos relacionados

Back to top button