OurenseÚltima hora

A Ponte Nova de Ourense protagoniza o cartel do OUFF, obra do carballiñés Suso Obenza

A 23ª edición do Festival de Cine conta con novas seccións como Fas Muvis e OUFF en curto
Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández cos carteis.

A Ponte Nova, que este ano celebra o seu centenario, é a imaxe elixida para o cartel da 23ª edición do OUFF. Co consenso de todo o equipo que forma parte do Festival, decidiuse que un elemento importante e identificador da cidade de Ourense debía formar parte da creatividade, obra do deseñador carballiñés Suso Obenza, e nada máis axeitado que a ponte, porque “queremos que o festival tamén sirva de ponte entre culturas e entre as distintas cinematografías que se xuntarán na programación”. Así o explicaba Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF na presentación do cartel que tiña lugar na mañá do 16 de novembro, acompañado polo coordinador técnico Aurelio Gómez Villar.

No acto tamén se presentaron os carteis das novas seccións que integran a 23ª edición do OUFF: Fas Muvis, obra de Nuria Grandio, e o de OUFF En Curto, feito por Enzo Sarmiento, “xente nova con diversidade de estilos pero que tamén ten o seu oco no festival”, sinalou o coordinador artístico.

Aurelio Gómez Villar confirmou que “a programación, a falta duns pequenos flocos, está totalmente pechada. Foron cinco semanas traballando intensamente para poder conseguilo”. Os coordinadores adiantaron que haberá unha forte aposta pola igualdade e unha xornada transversal con protagonismo total das mulleres. Contarán coa colaboración de AISGE, Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión, e de CIMA, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais.

Artigos relacionados

Back to top button