ConcellosO BoloÚltima hora

A posta en valor das Ermitas e a ponte Barxa, entre os temas abordados na reunión do alcalde do Bolo con Feijóo

Manuel Corzo mantiña esta mañá unha xuntanza co presidente da Xunta de Galicia

 

O alcalde do Bolo, Manuel Corzo Macías, vén de reunirse esta mañá co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Neste encontro avaliaron os proxectos clave para o concello, como a construción dunha nova ponte sobre o río Xares. Sobre esta nova infraestrutura, o titular do Executivo galego precisou que a Administración autonómica prevé financiar o 50%, a Deputación de Ourense achegará o 25%; mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, o 25% dos 460.000 euros orzamentados para esta ponte, que substituirá o actual paso, pechado ao tránsito desde decembro de 2019.

Feijóo confirmoulle así ao rexedor deste concello a participación da Xunta no confinanciamento e nestas porcentaxes para a nova ponte, “sen prexuízo das reclamacións que se poidan producir ás empresas que xestionan os encoros polos danos producidos”, matizou o máximo mandatario galego ao respecto de que, neste encontro, o rexedor do Bolo atribuíu o derrubamento da ponte a apertura das comportas dos encoros en A Veiga e San Fiz.

Por outra banda en materia de saneamento, o presidente autonómico confirmou unha dotación de preto de 12.000 euros para levar a cabo as obras de mellora nos sistemas de depuración nos núcleos de Valdanta e As Ermitas. Ademais, recordoulle ao rexedor deste concello ourensán que a Xunta tenlle solicitado ao Executivo central fondos de reconstrución para a mellora de acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e A Rúa, un proxecto estratéxico para as comunicacións da zona, ante a posta en servizo da alta velocidade ferroviaria.

Logo de confirmar o obxectivo da Xunta de dar continuidade á senda peonil que se está a executar na estrada OU-533, cun investimento de preto de 50.000 euros, Feijóo referiuse tamén á posta en valor do Santuario das Ermitas, declarado Ben de Interese Cultural en 2006. Ao respecto, subliñou que, tras un investimento de máis de 300.000 euros, o Goberno galego destinará entre este ano e 2022 unha achega de máis de 280.000 euros para a restauración da Igrexa, a recuperación da Casa da Administración e as zonas comúns, como o Horto dos Olivos.

Artigos relacionados

Back to top button