Monográfico Entroido 2012Monográficos

A presenza do Cigarrón

A festa arrinca en Verín co Xoves de Compadres e remata o Martes de Entroido co desfile de carrozas
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O Xoves de Comadres (16 de febreiro) será sen dúbida un dos días máis significativos e famosos do Entroido verinense. A xornada comezará en torno ás 11:15h. cun desfile infantil no que os pequenos da contorna tomarán as rúas de Verín ao son da música da Banda de Gaitas do Concello e das charangas Madialeva, Vakapinta, CBD e Támega.

Pero non será ata a noite cando comece a festa que ten feito de Verín punto de encontro para centos de mulleres. As comadres, chegadas dende diferentes puntos da comunidade encherán os restaurantes da vila acompañadas polo son das charangas. A media noite, no Barrio de San Lázaro, a Raíña do Entroido recibirá á comitiva de Don Carnal, que descenderá polo camiño Real. Xunto a eles, as mulleres (e homes disfrazados de damas) completarán o percorrido ata as prazas Maior e García Barbón.

Despois do saúdo da Raíña e de Don Carnal dende o balcón, terá lugar a lectura do pregón e ao son da orquestra París de Noia e das chocas dos Cigarróns, pecharase a noite “máis feminina” do Entroido.
Como vén sucedendo nos últimos anos, o Venres de Compadreo (17 de febreiro) o Capuchón e a Mascarita serán os uniformes oficiais dos asistentes á festa. En torno ás 18h. sairán os “escuadróns” dos enmascarados que percorrerán diversas rúas e prazas da vila, con paradas estratéxicas para repoñer forzas.

A comitiva irá acompañada por dous carros e as charangas Garrafón e Támega, para rematar na praza de Edesio Fuentes cunha sesión de tapeo, queimada e baile amenizado pola disco-móvil Jorge. Pola noite haberá verbena popular nas prazas García Barbón e Maior a cargo do grupo La Oca.

Ao día seguinte, Sábado de Entroido (18 de febreiro) terá lugar un dos actos máis solemnes do Entroido en Verín. A partires das 17h. os novos Cigarróns serán vestidos con tódalas honras, acompañados pola Raíña do Entroido e animados pola música da discoteca móvil. As charangas Támega e Xente Nova serán as encargadas da animación musical das rúas da vila durante toda a xornada, que culminará coa actuación da orquestra Costa Oeste e o grupo Metrópolis.

Ao ritmo de charangas, orquestras e son de chocas chegaremos ao domingo 19 de febreiro, o día grande do Entroido que amencerá cunha descarga de foguetes para espertar a tódolos entroideiros. En torno ás 12 h. o Barrio de San Roque acollerá a concentración de carrozas, comparsas, máscaras e Cigarróns para o gran Desfile de Entroido que comezará media hora máis tarde. A Banda de Gaitas do Concello de Verín e as charangas Mekanica, Xente Nova, Támega e CBD serán as encargadas de acompañar o desfile que completará o percorrido polas rúas Luis Espada e Alameda, e as prazas da Alameda e García Barbón.

Pola tarde e tamén pola noite, continuará a animación musical a cargo das charangas, mentres que nas prazas Maior e García Barbón actuarán a orquestra Cinema e o grupo Garibaldi, respectivamente.

A dous días para que remate o Entroido 2012, Verín acollerá o día da farelada (luns 20 de febreiro). A música das charangas Vakapinta e Madialeva lembrarán a tódolos entroideiros que a festa aínda non rematou. A partires das 16:30h. os pequenos da vila serán os protagonisas, podendo desfrutar de xogos infantís e inchables no pavillón de deportes.

Texto: Mónica G. Bellver/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button