CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

A primeira muller Pantalla de Xinzo, unha das protagonistas da nova serie de Rubén Riós

A historia de Lola Martínez, de 87 anos, no episodio deste venres de "Arrieiros Somos", na canle de "Orgullo Galego"

Lola Martínez, veciña de Xinzo.

 

A protagonista do capítulo de mañá de “Arrieiros Somos” é a veciña de Xinzo de Limia Lola Martínez, de 87 anos, a primeira muller que se vestiu de Pantalla.

Ruben Riós, creador e director desta serie-documental que aposta pola sabedoría e experiencia das xeracións anteriores, percorreu no mes de xaneiro as rúas de Xinzo xunto a Lola, unha octoxenaria valente e chea de sabedoría que durante o traxecto foi lembrando o valor da palabra, a emigración e, como non, o Entroido de antano e aquela marabillosa tarde de 1950 en que se vestiu de Pantalla.

“Arrieiros Somos” é un proxecto audiovisual que, segundo o seu propio director, non só pretende entreter senón que ao longo dos doce capítulos dos que consta esta primeira tempada, quere empoderar ás nosas xentes. “A esas persoas que pola velocidade que vivimos no día a día, non escoitamos tanto… ou non queremos escoitar e que nesta pandemia se converteron nun dos colectivos máis golpeados”, explica Rubén Riós.

 

Lola vestida de Pantalla en 1950.

 

No capítulo que poderá verse mañá  non pasou desapercibido para o director o Museo do Entroido Galego onde se gravaron parte das imaxes. Neste sentido, Riós engade que “hai unha chiscadela á unión do Entroido galego en todo o seu conxunto”, lembrando a todas aquelas persoas de alma entroideira xa falecidas e que fixeron que o Entroido non sexa unha simple festa, senón “un sentimento que vai máis alá dunha celebración”. De feito, o director quixo estrear este capítulo xusto despois do Entroido, para facer unha reflexión sobre “o silencio destes días, tan inusuais, que nos tocaron vivir”.

Cada venres, as 21h. na canle de Orgullo Galego estréase un novo capítulo da serie, na que se van tocando temas de interese global como a violencia de xénero, as tradicións, o abandono do rural, o cambio climático, o coronavirus, a emigración, a soidade, a discapacidade ou a diversidade.

 

Lola Martínez paseando por Xinzo con Rubén Riós.

 

Artigos relacionados

Back to top button