A primeira volta ao mundo por relevos de mulleres motoristas pasará por Valdeorras e Viana o 15 de marzo

Trátase do paso inicial por España da “Women Riders World Relay”, que saía o 27 de febreiro do norte de Escocia e que ten previsto concluír en xaneiro do 2020 nos Emiratos Árabes

Saída desta volta ao mundo por relevos dende o norte de Escocia./ Foto: WRWR.

Bater o récord do mundo por relevos femininos e cubrir a maior distancia realizada por mulleres motoristas. Ese é o reto que se marcan as arredor de 15.000 mulleres embarcadas no proxecto “Women Riders World Relay” (WRWR), a primeira volta ao mundo por relevos de mulleres motociclistas. Esta intrépida viaxe comezaba o pasado 27 de febreiro no norte de Escocia e tras pasar por Irlanda, Inglaterra e Francia, toca territorio español este xoves 14 de marzo en San Sebastián. Dende esta cidade comezará unha etapa polo norte da península que, tras pasar polas Médulas, entrará o día 15 en Galicia a través de Valdeorras e proseguirá por Viana ata chegar a Manzalvos (A Mezquita), xa no límite con Portugal onde as españolas cederanlle o testigo ás motoristas do norte de Portugal.

“Esta é a primeira vez que se leva a cabo un proxecto deste tipo. A iniciativa partiu dunha inglesa, Hayley Bell. Ocurríuselle poñer en marcha algo a nivel mundial para facer visibles ás mulleres motoristas. Nós sempre notamos á hora de comprar indumentaria ou material que temos moi poucas opcións para escoller pantalóns, chaquetas… A industria das motos non pensa nas mulleres e somos moitas as motoristas no mundo, entón decidiu promover unha volta ao mundo por relevos. En agosto do ano pasado creou un grupo de facebook e nese primeiro mes xa se inscribiron unhas 10.000 mulleres de todo o mundo. Agora mesmo hai uns 90 países anotados e xa somos unhas 15.000 as motoristas que imos facer eses relevos, algunhas de países como Afganistán, Paquistán, Birmania… onde apenas deixan ás mulleres andar en moto, pero elas apuntáronse”, comenta María Ceballos que fará a etapa entre Xixón e Manzalvos mañá venres 15 de marzo.

Despois de atravesar Portugal, o testigo volverá o 18 marzo a pasar por territorio español, desta volta na zona sur, onde se iniciará un traxecto que concluirá en Zaragoza. Despois a WRWR continuará por terras de Andorra. Ceballos destaca a ilusión coa que se acolleu e se está a traballar nesta iniciativa, que aposta por dar visibilidade ás mulleres motociclistas. Cada zona ten unha coordinadora ou embaixadora que se encarga de preparalo todo. No caso da zona norte esa embaixadora é Mar Gómez.

 

Testigo que se van pasando as gardiás en cada relevo./ Foto: WRWR.

“Parece unha tontería, pero a raíz dun grupo de facebook que pedía xente que se comprometera a levar o relevo, conseguiuse unha gran unión e está todo o mundo emocionado con que se consiga este reto. De feito tense todo moi ben organizado e están xa todos os relevos practicamente cubertos. Os días son inamobibles e cada moteira corre cos seus gastos e, tanto ten que chova ou neve, se te comprometes a facer o relevo, debes facer ese percorrido e entregarllo á seguinte, así ata acabar. E iso aínda que sexa unha soa motorista a que faga o relevo, isto non se pode parar, ten que seguir”, explica María Ceballos.

Ademais destaca o apoio que están recibindo dos homes nesta aventura, aberta tanto ás mulleres motoristas como a aquelas que viaxan na moto das súas parellas e que tamén poden levar o testigo. “É algo moi bonito e penso que se lle debe dar valor xa que se trata dun evento mundial que decidiu pasar polas comarcas de Valdeorras e Viana, e que vai amosar estas zonas ao mundo a través desta iniciativa”, di Ceballos.

Con este proxecto tamén se pretende acabar cos estereotipos no mundo da moto, “que se vexa que hai mulleres de todas as cilindradas, de todo tipo de motos e de todo tipo de terreos. O que queremos é que as mulleres en moto se fagan visibles, que deixemos de ser un bicho raro”, conclúe esta motorista. A WRWR culminará en xaneiro de 2020 nos Emiratos Árabes Unidos.

As embaixadoras españolas da WRWR

 

Mar Gómez, coordinadora deste proxecto na zona norte de España./ Foto cedida.

 

Eva Z./ Foto cedida.

 

Laura Borges./ Foto cedida.

 

María del Mar Naranjo./ Foto cedida.

 

María Pichu./ Foto cedida.

 

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies