OurenseÚltima hora

A proba cicloturista ‘Ourense Strade Termal’ reunirá a máis de 400 deportistas de 19 provincias

Celebrarase o 30 de abril cun percorrido que pasará por Muíños, Lobios e Calvos de Randín

 

Os cicloturistas apaixonados do sterrato volven ter unha cita ineludible coa provincia do Ourense o vindeiro 30 de abril cunha nova edición da ‘Ourense Strade Termal’, que levará aos deportistas a descubrir fermosas paraxes ourensás da Serra do Xurés a través dun percorrido por Muíños, Lobios e Calvos de Randín. Ademais, tras limitar o trazado da proba o ano pasado á provincia de Ourense por mor da pandemia, este ano a ‘Strade Termal’ volverá a cruzar a fronteira para chegar a Pitoes das Júnias e a Tourem (Cámara Municipal de Montalegre).

A presentación tiña lugar nun acto celebrado en Maus de Salas (Muíños), onde o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asegurou que proba, de “carácter pioneiro”, é todo “un acerto” e “un exemplo de cooperación transfronteiriza” capaz de converterse en “polo de atracción socioeconómico para Muíños, a provincia e toda Galicia”. Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e presidente da Axencia de Turismo de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou na súa intervención que “apostar por Ourense é apostar por Galicia, xa que a provincia concentra e resume o mellor da comunidade autónoma”.

Na presentación da proba tamén interviron o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, que agradeceu a colaboración e o esforzo da Deputación e a Xunta de Galicia na organización desta proba e sinalou a importancia destas accións no desenrolo do municipio; a xerente do Inorde, Emma González e o director técnico da proba, Serafín Martínez. Os intervintes estiveron acompañados, entre outros, pola rexedora de Lobios, María del Carmen Yáñez; o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, David Teixeira e o xefe de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices.

O director técnico da proba informou que rexistráronse ata este momento máis de 400 participantes procedentes de 19 provincias, que ademais descubrirán os dous novos tramos de “sterrato” que estreamos no percorrido deste ano, precisamente aquí, no municipio de Muíños”. A competición, que está dentro do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, conta con dous percorridos: o gran fondo de 115 quilómetros e o mini fondo de 75 quilómetros. Dúas distancias, con zonas de “sterrato”, nas que os participantes coñecerán enclaves emblemáticos como A Cela (Lobios), o Complexo Deportivo do Corgo e Maus de Salas.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, na presentación.

 

Actividades paralelas

Co fin de optimizar a dinamización turística desta actuación, como novidade o Inorde programou coa colaboración do Concello de Lobios e das empresas locais, diversas experiencias no Xurés a modo de programa complementario. Este ofrece en paralelo o sábado 30 de abril unha ruta de sendeirismo pola Vía Nova ata a Corga da Fecha, que terá lugar desde as 9:30 ás 13 horas. Unha ruta de dificultade baixa, cun percorrido de 8,5 quilómetros, que terá a saída e a chegada no Balneario de Lobios. Os inscritos poderán descubrir lugares de interese como a Mansio “Aquis Ogeresibus”, Miliarios romanos, a fervenza, e o Río Caldo.

Pola tarde, está previsto un obradoiro de cestería desde as 16 ás 18 horas no edifico multiusos de Lobios. O prezo para participar é de 25 euros (inclúe o material) e consistirá na elaboración dunha bandexa coa técnica “Cú de queixo!”

Para o domingo, 1 de maio, de 9 ás 13:30 horas, organízase unha ruta polas aldeas de Lobios: A Cela, Guende e Puxedo. Unha proba cunha dificultade media, de 8 km de distancia, con transporte en autobús incluído.

Artigos relacionados

Back to top button