A RúaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A procesión do Encontro abre os actos do Venres Santo na parroquia de Santo Estevo (A Rúa)

As imaxes San Xoán, A Virxe e Xesús volveron xuntarse na praza César Conti nun emotivo acto

 

Dous anos despois do inicio da pandemia, a parroquia de Santo Estevo, na Rúa, recupera os tradicionais cultos de Semana Santa. O pasado domingo tiña lugar a bendición de ramos no adro e na mañá deste venres 15 de abril a procesión Vía Crucis do Encontro.

San Xoán a ombros de oito costaleiros con túnicas vermellas; a Dolorosa a ombros das mulleres de loito; e Xesús Nazareno coa cruz ás costas camiño do Calvario a ombros dos costaleiros con túnicas moradas. Son os tres pasos que protagonizaron o acto co que a parroquia de Santo Estevo abría o Xoves Santo.

 

 

Despois de percorrer boa parte da Rúa Vella, as tres imaxes xuntábanse na praza César Conti, protagonizando un dos momentos máis emotivos da Semana Santa nesta parroquia ruesa: o encontro da Virxe co seu fillo, en presenza de San Xoán, antes de ser crucificado. Alí, o sacerdote (aínda que está xubilado foi Severino Pérez quen oficiou o acto un ano máis), tivo unhas palabras de lembranza para dúas persoas moi vencelladas á Semana Santa ruesa e que non estaban: Clemente Macías, falecido hai xa uns anos e Manolo “Vaquero”, que sempre acompañaba as procesións co son do tamboril e que está nunha residencia, fóra da Rúa.

Os actos en Santo Estevo continúan esta tarde ás 18:30 horas co Sermón das 7 Palabras, Desencravo e Procesión do Santo Enterro.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button